Publicidad

O Samaín cedeirés cumpre 25 anos cun programa para toda a familia

J. M. AMENEIROS | Luns 27 outubro | 15:15

Xa vai facer 25 anos que Cedeira recuperou, converténdose en pioneira en Galicia, a tradición de celebrar o Samaín. Unha festa enxebre, alonxada de aquela que os de fóra coñecen coma Halloween. E o municipio cedeirés vai festexalo cun programa que, dende hoxe mesmo, inclúe actividades para toda a familia, entre as que hai talleres para nenos, xincana, a merenda de outono, o divertido concurso de cabazas ou a máis especial: o pasarrúas a escuras polo casco vello.

Entre semana hai dúas actividades, unha delas xa este serán de luns. Ás 20:00 horas preséntase o libro A noite do Samaín, escrito por Jane Danko. É un acto aberto aos veciños, no Palacete Municipal, para coñecer este volume finalista do premio ASSITEJ de teatro. E despois, o martes, mércores e xoves hai un obradoiro chamado «Aprende a facer un cómic«, dirixido aos máis pequenos da casa. Impárteno Laura Recio e Fusa Guillén, no IES Punta Candieira entre as 18:30 e as 20:30 horas dos tres días.

Para o venres día 31 terán lugar máis talleres: de zonchos e pintura. O lugar que os acolle é xa o paseo da Marina, epicentro das celebracións do Samaín cedeirés, a partires das 17:30 horas. Ao remate de estas actividades, haberá un espectáculo, titulado Titeremusicontos, da compañía A Xanela do Maxín.

Pero, como non, o mellor día chega o sábado, 1 de novembro. Tras ser decorado o espazo pola mañá, ás 17:00 horas comeza todo o carrusel de actividades: concurso-exposición de cabazas, obradoiros de maquillaxe, a xincana, a Casa do Terror ou a merenda de outono, con bola de azucre, requeixo con mel e a Tarta de Samaín. O día rematará pola noite, co tradicional e máxico pasarrúas polo casco vello e as luces apagadas, só coas candeas das cabazas.

A Asociación Amigos do Samaín e quen organiza a festa, coa axuda do Concello de Cedeira e a Asociación Cultural Garola. Tamén colabora a Deputación da Coruña, o IES Punta Candieira e os Armadores Hnos. Gª Yáñez.