FERROL360 | Venres 25 abril 2014 | 17:33
Oitos centros educativos de Pontevedra, O Carballiño, Ames, Carballo e Ferrol competirán este sábado por gañar a final do Club de Debate. O Teatro Jofre acollerá esta actividade que arrancará ás 10:00 horas e prolongarase ata as 20:30 horas. O tema do debate é Pódese vivir en galego.
O xurado encargado de decidir quen é o equipo gañador estará formado por cinco persoas propostas polos concellos participantes. O equipo vencedor gañará unha viaxe dunha fin de semana, para un máximo de 20 persoas, con contidos culturais que contribúan aos obxectivos deste proxecto.
O Club de Debate diríxese a un dos sectores estratéxicos no proceso de normalización da nosa lingua: a mocidade. O obxectivo xeral de iniciativa é impulsar o uso da lingua galega activando o uso oral do idioma en contextos formais, os propios debates, e informais, a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade.
Nas distintas fases locais da edición do curso 2013-2014 participaron 21 equipos de 16 centros de ensino, conformados por un total de 180 alumnos dos distintos concellos. Cada equipo de traballo estivo coordinado por un ou dos preparadores que os asesoraron en aspectos como a procura de información, a disertación en público, a argumentación, etc.
Debate sobre el post