FERROL360 | Mércores 13 novembro 2019 | 20:29
O Padroado da Cultura de Narón colabora coa Asociación de Veciños «Os Irmandiños», do Val, na organización do tradicional Magosto da parroquia que terá lugar no pavillón polideportivo de O Val o vindeiro sábado 16 de novembro.
Os actos comezarán ás 17:00 horas, cun obradoiro de xogos tradicionais e populares dirixido ao público familiar. A música centrará boa parte da programación, cunha actuación da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura a partir das 20:00 horas para, sobre as 20:30 horas, comezar a degustar as castañas.
Neste Magosto prepararanse uns 300 quilos de castañas, que se servirán de balde e que se poderán acompañar de liscos e chourizos.
O leite e os refrescos venderanse a prezos simbólicos e o diñeiro doarase ao Centro de Recursos Solidarios de Narón, tal e como indicaron dende a entidade veciñal do Val.
A festa continuará coa actuación do Grupo de gaitas do Val ás 21:30 horas e ás 21:45 será o turno do Grupo de baile de adultos do Padroado da Cultura de Narón, que dará paso, para rematar a programación, a unha repichoca popular.
Doazón de alimentos
Dende a AVV Os Irmandiños do Val recordaron que durante toda a tarde se recollerán na pista polideportiva alimentos que se doarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.
O colectivo solicitou que preferentemente, debido á demanda, se entreguen leite, galletas, aceite ou legumes en conserva.
Debate sobre el post