FERROL360 | Xoves 30 marzo 2017 | 18:23
«Coas mans na terra, empoderando o rural» é o lema da décima edición doEncontro de debate sobre o medio rural galego. Na procura dun Plan de educación específico para o rural, que se desenvolverá esta fin de semana nas instalacións de Aldea Nova, en Narón.
O grupo de educación no rural Nova Escola Galega -NEG- e o Concello de Narón organizan esta convocatoria, que terá lugar desde este venres e ata o domingo. Unhas corenta persoas participarán nesta cita, que se inaugurará oficialmente este venres ás 17:30 horas. Asistirán representantes de NEG, a edil de Ensino de Narón, Mercedes Taibo, e integrantes das entidades colaboradoras: a AVV Rosa dos Ventos, o Ateneo Aldeán, o colectivo Fororuralgalicián e o CRA de Narón.
O primeiro bloque dos catro nos que se divide a iniciativa, sobre «Alternativas para o mundo rural», terá lugar este venres de 17:30 a 00:00 horas. Ás 18:00 horas haberá un obradoiro sobre o amasado do pan a cargo de veciños de Sedes e ás 18:30 haberá un relatorio e debate sobre «Programas de desenvolvemento rural e Grupos de Acción Local Seitura 22».
Xa ás 19:15 dará comezo unha Mesa aberta sobre «O valor económico e cultural do monte» e ás 20:15 horas iniciarase un obradoiro sobre enfornado do pan. Tras un descanso para a cea haberá un recital de poesía musicada a cargo de Susa Yáñez, para continuar co obradoiro de desenfornado do pan e cunha repichoca que animará o grupo de música tradicional Vai Rañala Meu, que estará acompañado por un grupo de cantareiras e pandereteiras de Sedes.
As actividades programadas para o Encontro continuarán na xornada do sábado cun novo bloque, sobre «O proxecto de Aldea Nova, un referente de desenvolvemento rural». Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá novos relatorios sobre as potencialidades educativas e socioeconómicas deste recinto, ubicado en Sedes, e tamén se falará da historia da comunidade educativa de Sedes e do asociacionismo local, entre outros temas.
Desde as 16:00 ata as 00:00 terá lugar o terceiro bloque, sobre «Proxectos de educación sociocomunitaria levados a cabo nas Terras de Trasancos», para abordar a pedagoxía Freinet e as súas técnicas, un proxecto dun Plan específico para a etapa infantil no rural e outras actividades, como teatro e música galega.
Finalmente, o domingo 2 de abril comezará un bloque, o cuarto, sobre «Iniciativas de ámbito socioeducativo», entre as 9:30 e as 14:15 horas. Dará comezo cunha visita guiada polo Parque temático de desenvolvemento rural Aldea Nova e, tras un relatorio e un debate para as conclusión e a clausura realizarase outra visita, neste caso polo Itinerario didáctico da contorna etnográfica, económica, antropolóxica e cultural do Oenach Atlántico de Sedes.
As persoas interesadas en obter información máis detallada do programa desta décima edición do Encontro, dirixido a profesionais e estudantes dos eidos da educación ou do desenvolvemento rural, familias, Anpas e outras persoas interesadas no futuro do medio rural, poden consultar a páxina do NEG.