FERROL360 | Mércores 13 xaneiro 2016 | 11:45
Tes unha cámara GoPro e non sabes moi ben como utilizala? Apúntate ao obradoiro que terá lugar este sábado, ás 17:00 horas, na Casa da Xuventude de San Sadurniño para aprender a manexala e sacarlle o máximo partido.
Os participantes coñecerán de preto o funcionamento destas videocámaras deportivas, que teñen grande difusión entre quen practica actividades ao aire libre. Aínda quedan prazas libres e para apuntarse só hai que chamar ao teléfono: 981.490.027 (ext. 1). O obradoiro é gratuíto.
Na sesión abordarase a evolución da GoPro, desde os primeiros modelos ata algunhas das máis recentes. O xornalista e realizador César Galdo explicará as características técnicas destes modelos, a configuración máis axeitada para cada tipo de toma, o fluxo de traballo e tamén as eivas máis destacables.
Tamén haberá tempo para falar dos accesorios existentes para estas cámaras, como soportes, steadicam e estabilizadores electrónicos. E os asistentes comprobarán como se empregan como elemento de captura para imaxes aéreas.
Home Staging
A próxima cita dentro do programa Tempos para compartir chegará o 6 de febreiro da man do interiorista Javier Suárez, que amosará como engadirlle valor a unha vivenda que se queira vender usando técnicas de home-staging.
Que é o home-staging? Preparar a ambientación dunha casa en venda para que lle cause boa impresión a posibles compradores. Esta técnica busca que a casa luza ben nas fotos que despois se publican en páxinas inmobiliarias, pero os consellos Suárez tamén serán de moita utilidade para quen queira converter a súa casa nun lugar máis acolledor.
Suárez é un profesional con reputación e proxectos en toda España, e explicará sinxelas técnicas que abranguen a disposición dos elementos no espazo, a iluminación e mesmo a combinación de cores nas distintas estancias.
Para este obradoiro, que tamén se levará a cabo na Casa da Xuventude, cómpre anotarse axiña porque só se ofrecen 20 prazas. Para inscribirse hai que chamar ao teléfono: 981.490.027 (ext. 1)
Debate sobre el post