Publicidad

Obradoiro participativo en San Sadurniño para elaborar os obxectivos de calidade paisaxística

FERROL360 | Luns 29 febreiro 2016 | 9:29

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organiza este luns en San Sadurniño un obradoiro participativo de cara á elaboración das Directrices da Paisaxe dende as 18:00 horas na aula CeMIT da Casa da Cultura. Os participantes que se acheguen ata esta actividade poderán expresar as súas aspiracións en canto aos obxectivos de calidade paisaxística, así como a súa opinión sobre as posibles medidas de protección, planificación e xestión da paisaxe.

Traballarán con esta plataforma web onde poderán valorar os principais tipos de paisaxe da súa comarca paisaxística e elixir os tipos de paisaxe preferidos de cara á súa planificación futura. Tamén poderán localizar puntos relevantes dende o punto de vista paisaxístico e asignarlles unha valoración, determinar os elementos que os compoñen e propoñer medidas de actuación para os mesmos.

Estas actividades forman parte dos 50 talleres públicos que o departamento autonómico organizará en total en toda Galicia, un por cada unha das 50 comarcas paisaxísticas nas que se divide o noso territorio. Esta distribución pretende garantir unha maior equidade espacial no proceso de participación, facilitando á poboación de todos os ámbitos territoriais o acceso a este proceso dun xeito presencial.