FERROL360 | Martes 21 maio 2019 | 20:37
É a primeira vez que Olaia Ledo é candidata a Alcaldía. A cabeza de lista do BNG é unha muller que confía na súa equipa e nas súas propostas para un municipio que xa contou nesta última lexislatura con edís nacionalistas.
O programa da formación pode consultarse na súa web e nas súas redes sociais. Tamén poden pedirllo directamente no enderezo electrónico naron@bng.gal.
FERROL360 – Dous erros e dous acertos da xestión que se tivo feito durante estes 4 anos no Concello de Narón:
OLAIA LEDO – En canto aos acertos, a débeda bancaria cero grazas á concellería do BNG e a campaña contra os micro machismos. Erros? Aprobación por TEGA e PP da taxa de saneamento e non apostar aínda pola compostaxe universal.
360 – Que tres desexos pediría para o municipio á Xunta e ao Goberno central?
OL – Á Xunta unha residencia de maiores pública, centro de saúde dotado de servizos e máis escolas infantís públicas namentres que ao Goberno central lle pediría horarios mellorados no FEVE e investimentos na humanización das vías que pasan por Narón, cubrir con fondos do estado o saneamento da ría e carga de traballo para a comarca.
360 – Os lectores pregúntanse se están a executar accións para axudar ás familias afectadas polo peche de Poligal ou se contemplan facelo ao chegar á Alcaldía.
OL – Esperamos que o peche de Poligal teña solución e haxa unha compradora para a factoría, a recolocación no caso de peche ten que contar coa colaboración das administracións e que a Xunta interveña e non como fixo até agora que foi unha total deixadez de función, cunha mesa de negociación inútil
360 – Cal é a primeira medida que tomará se chega á Alcaldía?
OL – Creación dun instituto politécnico e xestión con fondos europeos da unión do parque de Freixeiro-Xuvia. Ademais de melloras en toda a contorna do río Xuvia, adaptándoo a todas as persoas con sendas peonís e ciclistas, e contando tamén cos concellos de San Sadurniño e Moeche para que cubra toda a ribeira.
360 – Cales son as prioridades do municipio?
OL – Cohesionar o rural e o urbano, un plan xeral que ordene e dé preferencia ás persoas, gañar o espazo público á xente independentente da súa condición social, física ou económina. Para iso hai que ser Modelo BNG como xa é Carballo, Allariz ou Pontevedra. Porque somos os únicos cun proxecto serio, solvente e capaces de levalo a cabo porque temos valentía e cremos en Narón.
360 – Podería enumerar 5 medidas sociais do seu programa en materia de igualdade, axuda á drogodependencia, diversidade sexual e inclusión?
OL – Primeiro, relectura de todo o espazo público para que sexa funcional e seguro para as persoas. Segundo, impulsar foros de mulleres no desenvolvemento do plan de igualdade, incorporar cláusulas sociais na contratación pública coa finalidade de favorecer ás empresas que destaquen por desenvolver políticas a prol da igualdade. En terceiro lugar, atender á diversidade fucional, garantindo o acceso de toda a poboación a programas de inserción social e laboral, de lecer e actividade física ou deportiva. Cuarto: favorecer a inserción profesional de novos grupos en risco de exclusión. Quinto é seguir pulando -como se fixo agora na concellería do BNG de Promoción Económica- para que en Narón siga sen haber desafiuzamentos e, por último, a creación dun Centro de Integración Social.
360 – Se dependera de vostede, o desenvolvemento de Ferrolterra seguiría sendo tan dependente dos estaleiros ou apostaría por industrias máis rendibles e menos eventuais?
OL – Aposto por diversificar a oferta de emprego. En Narón temos tres parques empresariais que poden ter zonas de ocio, xardíns e accesos máis alá do coche cara eles. Crear espazo coworking para emprendedores, artesás, carpinteiras, fontaneiras… Promover I+D, convenios coas universidades e formación profesional que garantan emprego de calidade. Promover o asentamento de empresas con incentivos no chan industrial.
360 – Que medidas concretas inclúe no seu programa para a creación de emprego xuvenil e que os máis novos non teñan que marchar?
OL – Un plan de vivenda específico, promoción mediante cláusulas sociais no emprego e na formación, accesos de transporte públicos aos tres parques empresariais para aquelas persoas que non poidan chegar por non dispor de coche propio, elaborar un Plan de Emprego Xuvenil para orientar as políticas de ordenación urbana, mobilidade e subvencións favorecendo a implantación de novas actividades económicas para a xente moza.
360 – Os lectores amosáronse moi escépticos cos programas electorais, cre que o seu é executábel e terá partidas económicas abondo ou tería que recurrir aos créditos da banca?
OL – O noso programa electoral está traballado para que sexa sostíbel. Falouse con máis de cen persoas de todos os ámbitos e veñen moitas propostas. Non cremos nos programas que promenten obras faraónicas e logo non crean tecido produtivo, como por exemplo o Pazo de Narón. Ademais dunha boa oferta cultural -que parte dela ten que saír para chegar a todas as parroquias e barrios-, e de custar 16 millóns de euros-, non supuxo para a zona máis comercio, bares, restaurantes…
É preciso que as organizaciónns sexan responsábeis e fagan un traballo en campaña para presentar o que queren facer de maneira realista os vindeiros catro anos. O que nós presentamos, sabemos que é o que queremos facer e podemos facer para construír entre todas e todos o mellor Narón. Iso é así se Narón pasa a ser un Concello BNG, onde o BNG ten maioría gaña o benestar e os servizos, gañan as persoas. O noso programa é un traballo de meses, non é un copia e pega como outros ou un «prometo para convencer y luego hago lo que quiero», facémolo con humildade e pensando que é o mellor que lle pode pasar a Narón.
360 – Remunicipalización de servizos si ou non?
OL – As persoas queren unha boa xestión e ter os servizos. Ás veces a remunicipalización non conleva iso. En Ferrol, os Bombeiros estiveron meses sen cobrar, por exemplo. Si que hai servizos que se poden xestionar directamente e iso débese facer, igual que atender que todas as persoas que realizan un traballo municipal teñen que estar nas mellores condicións laborais posíbeis.
360 – No ámbito do benestar animal, os nosos lectores queren saber que ideas ten para a mellora das instalacións e a xestión do refugio mancomunado de Mougá.
OL – Narón ten que ser un Concello que teña a categoría de respecto da vida animal, imos promover distintivos para que os concellos teñan a categoría de «respectuosos co ambiente e benestar animal» a nivel supramunicipal, para pór en valor as boas prácticas.
360 – Melloraron estes últimos anos as relacións entre Ferrol e Narón?
OL – Penso que deben estar máis cordinados. Por exemplo, en Narón facemos cursos de formación que, ás veces, nunha semana ofértanse en Ferrol. Hai que traballar en rede porque se a Ferrol lle vai ben a nós tamén… ou á inversa. Respecto e traballo en rede. En Narón traballando conseguimos pasar de ser un Concello que falaba de obras faraónicas e de urbanismos mal dispostos a camiños escolares seguros, andainas verdes ou eficiencia enerxética e, en todas elas, coa colaboración da Deputación en áreas do BNG. Se é posible entre administracións, ten que selo entre ciudades veciñas.
360 – A favor ou en contra da unificación de municipios?
OL – En contra.
360 – Que opina de que haxa tantos partidos?
OL – Que representa a pluralidade da sociedade.
360 – Que cre que pode aportar ao municipio para ter dado o paso de presentarse á Alcaldía?
OL – Traballo, ilusión, representar unha organización seria que traballa eficientemente nos concellos e é capaz de transformar a realidade. Non son eu como candidata, é todo un equipo que conformamos no BNG.
360 – Que opina a súa familia e os seus amigos sobre esta decisión?
OL – Apoio incondicional e esperanza porque se melloren as cousas.
360 – Se non gana a Alcaldía, seguirá na oposición ou renunciará á acta de concelleira?
OL – Ata o 26 de maio non se poden adiantar acontecementos nen facer cábalas. Nós só temos un pacto que é cos cidadáns e cidadás de Narón. Despois, coma sempre, decidiremos asembleariamente e en colectivo.
360 – Se continúa na Alcaldía mudaría o seu soldo? Canto considera que debe cobrar o alcalde ou alcadesa da cidade?
OL – Non cobraría máis do que gaño actualmente no meu traballo como produtora e guionista audiovisual no caso de ter que ter adicación exclusiva: 1.300 euros ao mes.
360 – Está aberto ou aberta aos pactos? Con que formación non chegaría nunca a un acordo?
OL – Non se pode respostar até que se saiba o que a veciñanza decidiu a través do seu voto, ese é o noso único pacto: os veciños e veciñas de Narón.
360 – Con que contrincante tomaría unha cervexa e con cal non compartiría nin un xantar institucional?
OL – Iría tomar unha caña con Ibán Santalla (Terra Galega), que é veciño meu e a nosa parroquia, Xuvia, ten moitos locais apetecíbeis para tomala e compartiría unha comida institucional con calquera.
360 – Se non cumpre as promesas que está facendo na campaña antes de finalizar a lexislatura gobernando, estaría disposta a non presentarse máis?
OL – Por suposto que non volvería presentarme.
360 – Os lectores teñen a sensación de que só lles escoitan na campaña electoral, cre que teñen parte de razón?
OL – Si. É preciso escoitar todo o ano, ser parte activa do tecido asociativo e velar porque a sociedade sexa dinámica. Nós facemos campañas todo o ano para defender os dereitos que consideramos precisos para o benestar deste país, como pasou hai pouco recollendo sinaturas para que se iniciaran as obras do centro de saúde e mirade, antes das eleccións, a presión cidadá fixo que comezaran e agora volveron dicirme que están parada.
360 – Atrévese a facer unha aposta de resultados?
OL – A verdade é que non podo dicir máis que alá onde chegan as nosas propostas a xente súmase á ilusión de transformar a realidade e gañar o futuro. Vimos con humildade pero sabendo que imos a por todas e, se durara máis a campaña, seguiríamos convencendo porque temos un proxecto claro e estamos construíndo camiño para transformar os desexos en realidade e as ideas en feitos. Estamos en alza.
Debate sobre el post