FERROL360 | Sábado 20 febrero 2016 | 12:31
Fin de semana intensa en Narón con actividades moi variadas que van desde a Mostra da Camelia, ata a ópera Carmen, pasando por unha nova andaina do programa municipal «Ponte en ruta con nós» e o festival «Músicas para a semente».
Arranca a actividade municipal este sábado coa XII Mostra da Camelia Cidade de Narón e VIII Concurso de Flor de Camelia. Será no centro comercial Dolce Vita Odeón ata as 22.00 horas.
O acto de inauguración oficial será ás 17.30 horas e inclúe a entrega de sete premios ás mellores especies e composicións. O domingo a Mostra desenvolverase en horario de 10.00 a 18.00 horas.
Ópera Carmen
A compañía Concerlírica protagonizará este espectáculo de ópera, que se celebrará no Pazo da Cultura ás 20:00 horas deste sábado. Ten unha duración de case tres horas e media.
Diríxese a todos os públicos e o prezo é de 28 euros para o público en xeral e de 19,60 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante e desempregados.
Xa o domingo, chegará unha nova andaina do programa municipal «Ponte en ruta con nós», que percorrerán o tramo comprendido entre os areais de Santa Comba, en Ferrol, e Campelo, en Valdoviño. A saída será ás 10:00 horas do pavillón polideportivo da Gándara.
Festival «Músicas para a semente»
Esta actividade, que se celebrará no Auditorio Municipal ás 18:00 horas, servirá para apoiar o proxecto Semente de Trasancos. Actuarán Guadi Galego, Roberto Cribeiro e Pitusa Semifusa nun acto presentado por Leandro Lamas e Silvia Casal.
O prezo das entradas é de 10 euros, e os menores de sete anos poderán asistir de balde. A iniciativa organízaa a Asociación Cultural Semente de Trasancos e conta coa colaboración do Concello de Narón.
Debate sobre el post