FERROL360 | Luns 10 de febreiro de 2025 | 10:16
Con motivo do Día Mundial da Enerxía Limpa, declarado así pola ONU para promover unha transición xusta coas persoas e o medio ambiente cara ás enerxías renovábeis, centos de galegas e galegos botáronse á rúa o pasado domingo, para denunciar o espolio da nosa terra e reclamar un novo Plan Eólico de Galiza que sexa xusto coas persoas, sustentábel e ao servizo do pobo.
Esta nova convocatoria reivindicativa da Coordinadora Eólica Así Non, que congrega aqueles colectivos e entidades galegas críticas co actual modelo eólico, desenvolveuse en perto dunha decena de mobilizacións, en concreto na nosa comarca en Ortigueira.
As mobilizacións coinciden no tempo co anuncio da Xunta dun novo Plan Eólico para Galiza, unha reivindicación que o movemento Eólica Así Non leva reclamando desde hai máis de tres anos, para loitar contra a implantación masiva, colonial e desorneada da enerxía eólica.
Porén, o novo Plan Eólico anunciado polo goberno galego non ten vocación de ordear a implantación eólica, senón de consolidar o modelo depredador xa imposto e os privilexios das eléctricas sobre os intereses xerais.
A través do manifesto “Non ao espolio da nosa terra”, a Coordinadora Eólica Así Non cualifica o novo plan eólico de Rueda como unha fraude, xa que exclúe das mesas de diálogo ás poboacións afectadas e ás organizacións sociais e ecoloxistas críticas coa depredación eólica.
E ademais, non establece unha moratoria de todos os proxectos eólicos en tramitación ou pendendes de execución, mentres non se aprobe o novo planeamento eólico. Pola contra, favorece a retramitación daqueles proxectos que están suspendidos cautelarmente polos tribunais.
As manifestantes reclamaron o seu dereito lexítimo a participar na elaboración da nova planificación eólica da Xunta na que instan a recoller a proposta de alternativa da Coordinadora Eólica Así Non.
Entre outros principios, esta alternativa promove unha nova planificación enerxética pública, ao servizo do pobo e do dereito a vivir e a traballar na nosa terra, que non poña en perigo aqueles sectores sociais que proporcionan alimentos básicos á poboación, que abarate o prezo da electricidade recoñecendo unha tarifa eléctrica galega, que aposte polo autoconsumo, polas comunidades enerxéticas, polo consumo de proximidade e polas comunidades veciñais de montes en man común.
Debate sobre el post