FERROL360 | Martes 23 decembro 2014 | 14:11
O PAI, Plan de Aforro e Investimentos, é a grande novidade dos orzamentos da Deputación Provincial de A Coruña para o vindeiro ano. Trátase dun plan dotado con 25 millóns de euros para a concesión de préstamos a interese cero para os 93 concellos da provincia, con criterios de reparto obxectivos.
Así, os concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal recibirán máis de cinco millóns de euros do PAI. Ferrol será o que máis obteña, con 677.444,13 euros, seguido de As Pontes de García Rodríguez, con 563.032,64 euros. Narón percibirá 449.095,76 euros e na comarca de Ortegal o municipio que máis cartos disporá do plan é Ortigueira, con 386.664,29 euros. Aquí podes consultar o listado completo.
As administracións locais terán un prazo de máis de dez anos, ata 2027, para devolver estas achegas, con un ou dous de carencia. As finalidades deste plan quedarán definidas polo nivel de débeda de cada municipio: investimentos para os que carezan de débeda e amortización de préstamos nos municipios que o precisen.
No caso dos concellos con débeda financieira, a Deputación esixe unha condición: están obrigados a destinar unha porcentaxe igual da cantidade que reciban a sanear o seu concello. O resto poderá adicarse a investimentos. É dicir, un concello cunha porcentaxe do 10 % de débeda deberá destinar esa mesma porcentaxe do PAI a reducir a súa carga financeira.
O prazo para presentar as solicitudes comeza o vindeiro 7 de xaneiro e prolongarase ata o 18 de febreiro. Ademais, o organismo provincial asesorará e axudará aos gobernos locais á hora de solicitar estas achegas.
O Plan de Aforro e Investimentos é posible grazas á cancelación da débeda da Deputación Provincial. E é que esta partida de 25 millóns de euros antes estaba reservada para o pago de débeda e intereses. Cómpre destacar que estamos ante os primeiros orzamentos elaborados sen obrigas financeiras.
Orzamento para 2015
As contas da Deputación da Coruña para o ano 2015 ascenden a un total de 171.334.100 euros e increméntanse nun 9 % con respecto ao pasado exercicio. Do total deste orzamento, máis de 68 millóns de euros irán destinados directamente ás administracións locais a través de diferentes programas.
Así, o Plan de Obras e Servizos, POS, contará cun orzamento de 24,2 millóns de euros. Coma sempre, serán os propios concellos os que decidan se destinan os cartos a gasto corrente ou a investimentos.
Mentres, o plan para obras medioambientais en concellos de menos de 20.000 habitantes está dotado cun millón de euros; as obras viarias e o plan de conservación de estradas provinciais ascenden a 11,1 millóns; o plan de travesías conta con 2,4 millóns de euros e o plan de sendas peonís ten un orzamento de 2,5 millóns de euros.
Unha partida que baixa novamente é a adicada aos gastos de persoal, que suma o 22 % do montante total e inclúe o abono da cuarta parte da paga extra suprimida no ano 2012.

Aposta polos Servizos Sociais
Con este orzamento mantense a blindaxe das partidas destinadas tanto a proxectos como investimentos de Servizos Sociais. No caso do apoio aos concellos, aumentouse preto dun 60 % con respecto ao 2012, mentres que para a convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro a partida multiplicouse por dous nos últimos anos.
Neste senso, a cantidade consignada nas contas da Deputación para estas entidades ascende ós 1.750.758,66 euros. Ademais, está previsto incluír un novo capítulo destinado a financiar proxectos de emerxencia social e outro para axudar aos investimentos dos concellos.
Un maior control
Este orzamento incorpora outra novidade, os mecanismos de control reflectidos por primeira vez nas bases de execución. Deste xeito, para a concesión de subvencións provinciais teranse en conta cuestións como o número de socios de cada entidade. Asimesmo, crearase unha comisión avaliadora da que formarán parte todos os grupos políticos e técnicos provinciais.
En canto aos contratos menores, a Deputación da Coruña tomou a decisión de aplicar condicións máis rigorosas das que esixe a lei. Así, publicará os pregos do perfil do contratante na páxina web e contactará con máis de cinco empresas, cando o número mínimo establecido é de tres.
Nas mesas de contratación, os representantes dos grupos da oposición contarán con voz e voto na toma de decisións. E no que respecta ás obras que realiza a Deputación, refórzase o control da calidade a través de mecanismos de inspección por parte dos técnicos provinciais.