DANIEL LORENZO MIRÓN | Con Seguridade | Luns 18 decembro 2017 | 11:44
Os requisitos de seguridade esixibles para a organización de espectáculos públicos e actividades recreativas ocupan de forma periódica espazos nos grandes medios de comunicación, ben sexa para dar conta de algún suceso ou accidente acontecido nalgún evento ou para informar dunha nova normativa coa que a administración tenta, con maior ou menor sorte, regular esta complexa actividade económica.
Desgraciadamente, estas periódicas aparicións mediáticas acostuman a non traspasar o superficial, contribuíndo así a enfangar un necesario debate sobre un sector que creceu de forma exponencial nos últimos anos á marxe da implantación de medidas eficaces para a seguridade de artistas e público.
Non todo o sector, evidentemente, vive de costas á necesaria concienciación arredor da prevención. Mais é evidente que hoxe, xunto cunha industria cultural responsable coas súas obrigas fronte a traballadores e traballadoras e público, convive outra, dunha dimensión enorme, na que a seguridade aínda é un elemento estraño.
A motivación destas reflexións non é outra que a de atoparnos ás portas dun novo salto á palestra do sector, desta vez motivada polo debate no Parlamento Galego e próxima aprobación da tan esperada Lei de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas. E nos tememos que, mais unha vez, a atención que se prestará ao sector, polo menos no que se refire á seguridade, sirva para engadir confusión a unha actividade que, dunha vez por todas, precisa de regulación.
Os festexos populares son unha boa mostra do tratamento da seguridade en relación aos espectáculos públicos e actividades recreativas. Mentres outro tipo de eventos optaban por incorporar a prevención ao seu deseño e funcionamento, os festexos populares lograron crecer de forma desproporcionada como alternativa de ocio sen que ninguén soubera ou quixese enfrontar a necesidade de implantar aínda que fosen unhas normas mínimas de seguridade.
É certo que dentro desta actividade atopamos eventos de moi distinto tipo e tamaño e, polo tanto, de risco diverso. Mais tampouco podemos negar que boa parte das grandes concentracións de público na nosa xeografía se producen para acompañar a orquestras convertidas en auténticos fenómenos sociais.
Unha rápida vista de ollos á hemeroteca de calquera medio de comunicación nos dará as chaves para comprender o fenómeno do que falamos. Calquera tentativa de actualizar as obrigas en materia de seguridade para os festexos, que ata hai ben pouco se reducían a practicamente cero, atópase con a resistencia feroz e demagóxica de boa parte das grandes empresas que dominan o sector e, o que é máis preocupante, con un apoio popular sobredimensionado por parte dos medios de comunicación na súa incompresible procura de titulares impactantes.
O peor de todo é que esta presión logra o seu obxectivo e logra que a administración se poña de perfil e opte por non encarar con decisión este vello problema e mantendo os festexos populares nunha especie de limbo legal que en nada contribúe para a aplicación de medidas que mellore a seguridade de traballadores, traballadoras e público.
E agora, alerta de spoilers. Adianto que o resultado do debate e aprobación da Lei de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas non será diferente ao relatado máis arriba. Maior confusión e inseguridade para quen organiza, participa e disfruta destes eventos. Se non, ao tempo…
Debate sobre el post