IVÁN CERNADAS | Moeche | Domingo 21 agosto 2016 | 15:02
«Os Irmandiños están vivos na nosa lembranza». Foi unha das frases que se puideron escoitar no pregón da XXXVII edición do Festival Irmandiño, que se celebrou durante este venres e sábado en Moeche.
Esta edición foi moi emotiva e especial, xa que o pregón foi unha repetición do discurso que en 1988 recitara o poeta Manuel María en Moeche. Os organizadores do evento quixeron homenaxear así ó artista nado en Outeiro de Rei no ano que se lle adicou o Día das Letras Galegas.
Logo da lectura do pregón e ao grito de «lume, lume», un regueiro de xente achegouse ao castelo con fachos acendidos para asaltar a fortaleza dos Andrade. Unha vez o castelo foi conquistado, continuou a festa e a música folk no campo do festival.
A noite comezou amenizada pola banda Quenindiole e o grupo de folk ferrolán Lenda Ártabra. A continuación, tocou a cantautora Sés, un dos pratos fortes do festival, que cun ritmo vibrante e un estilo moi particular animou ao público ata a media noite á espera do pregón.
Despois do asalto foi o turno de Budiño e os Cuchufellos, que pecharon a xornada, na que os Irmandiños volveron ser protagonistas da invasión nocturna máis famosa de Ferrolterra.
Debate sobre el post