FERROL360 | Miércoles 1 julio 2015 | 15:15
Esta mañá deu comezo unha nova edición da Aldea de Verán, no que os nenos aprenden xogando durante as mañás do verán. Este servicio facilita ás familias un servizo de conciliación durante as vacacións dos máis pequenos e pequenas. Para este mes están cubertas as 35 prazas que se ofertaban, pero para agosto aínda hai dispoñibles 13, que se poden solicitar ata o día 17 de xullo a través da oficina de Igualdade do Concello ou chamando ao 981 490 027 (Ext. 1).
A Aldea de Verán empregará este ano a Historia e a Cultura como fíos condutores das actividades que se desenvolven ao longo da semana. Así, os luns dedicaranse ás letras, os martes á música, os mércores aos xogos e xoguetes, os xoves ás festas tradicionais e os venres ao descubrimento da paisaxe.
Cada día será unha sorpresa e farán, dende traballos manuais e buscas do tesouro ata inventar contos, pasando por labores tradicionais como facer queixo ou figuriñas con miga de pan semellantes ás que se poden atopar en Santo André de Teixido.
As actividades se desenvolven no ximnasio do CPI, porén está previsto que se fagan saídas a outros lugares próximos, como o Centro de Día, a Casa da Cultura, os xardíns municipais ou o contorno do paseo fluvial. Ademais, todos os venres haberá actividades relacionadas coa paisaxe onde colaboran coa Escola Infantil Municipal A Rolada, que non pecha durante as vacacións.
A Aldea de Verán é un servizo socioeducativo ofrecido polo Concello -con apoio económico da Deputación da Coruña- co obxectivo de que as familias dispoñan dun espazo co que conciliar traballo e unha atención de calidade aos nenos e nenas. Ademais de aprender ou reforzar conceptos nos que xa se traballa na escola, a Aldea de Verán inclúe na súa programación actividades orientadas ao fomento da igualdade, da solidariedade, do respecto, das relacións sociais interxeracionais e da creatividade.
Debate sobre el post