Publicidad

Os músicos Suso Vaamonde e Xoán Porto visitan este sábado o Toxos e Froles

FERROL360 | Xoves 27 marzo 2014 | 14:27

O Real Coro Toxos e Froles de Ferrol recibe este sábado ao dueto de zanfona e acordeón Cantata Vernácula. Os seus intérpretes formaron en 2009 un proxecto musical co que pretenden divertir ao público coas súas pezas tradicionais e de propia autoría.

A súa xenial combinación de voces e instrumentos fai de Cantata Vernácula unha aposta diferente e moi atractiva do folclore galego.

Suso Vaamonde é unha peza fundamental no estudio da gaita galega e dende mozo formou parte de importantes agrupacións como Xacarandaina, Lecer ou Lelia Doura. Gañou numerosos premios de gaita e folclore tradicional e recibiu multitude de galardóns ao longo da súa traxectoria musical. Actualmente é mestre de Música Tradicional da Agadic -Axencia Galega das Industrias Culturais- e colaborador do CCG -Centro Coreográfico Galego-. Ademais, é membro do trío Vaamonde, Lamas & Romero, unha das propostas lúdico-musicais máis innovadoras do panorama actual galego.

Xoán Porto compaxina o seu labor na música tradicional cos seus estudios de acordeón no Conservatorio Superior de Santiago de Compostela. Nos anos oitenta, impartiu clases de gaita en Bruxelas, onde tivo ocasión de introducirse na música folclórica belga. Alecrín, Durindaina ou Dhais son algúns dos grupos nos que formou parte e, hoxe en día, tamén é produtor e compoñente de Leilía.

O concerto, que se iniciará ás 20:00 horas no primeiro andar do local situado na rúa Magdalena 220, enmárcase dentro do ciclo Xornadas de Cultura Aberta 2014. A entrada é de balde.

Xoán Porto e Suso Vaamonde forman o dúo 'Cantata Vernácula'. Este sábado actuarán no local do Toxos e Froles de Ferrol (cedida)
Xoán Porto e Suso Vaamonde forman o dúo ‘Cantata Vernácula’. Este sábado actuarán no local do Toxos e Froles de Ferrol. (cedida)