FERROL360 | Luns 4 xaneiro 2016 | 17:21
O edil de Promoción Económica, Pablo Villamar e representantes da Asociación de Comercio de Narón entregaron este luns catro carros e unha cesta con produtos de Nadal aos últimos gañadores da campaña Comercio de Narón, en Nadal e sempre, impulsada polo Concello.
Os gañadores dos carros foron José Díaz, Milagros García, Estela Millán e Manuel López, cuxas papeletas resultaron elixidas nos establecementos Óptica Valero, Óptica La Gándara, Marijose e Yedra Interiorismo, respectivamente.
A cesta foi para Verónica Fernández, premiada cunha papeleta depositada en Galerías Layme. O edil naronés felicitou aos premiados e animounos a seguir realizando as súas compras nos pequenos e medianos comercios locais, un sector que ofrece unha gran variedade de produtos no municipio.
A campaña de comercio de Nadal de Narón repartiu un total de 18 carros de compra cun valor de 100 euros cada un deles e catro cestas tamén con produtos de Nadal valoradas en 125 euros cada unha.
A iniciativa inclúe ademais o sorteo de dous vales de compra por importe de 500 euros cada un e outros dous de 300 euros. O sorteo terá lugar o día 14 de xaneiro e a recepción no Concello está prevista para o día 16, cunha entrega simbólica dos vales, que terán que gastar os días 19 e 20 de xaneiro nos comercios adheridos a esta campaña.
Debate sobre el post