FERROL360 | Xoves 21 maio 2015 | 17:55
Ben axiña lle chegou a Pablo Villamar Díaz a implicación política. Con 16 anos militaba no Bloque Nacionalista Popular Galego e desde o ano 1981 no Bloque Nacionalista Galego.
Este navantiero, técnico de Organización en Navantia Ferrol, nado en 1961, entrou no Concello de Narón no ano 1999. Ademais, entre 2003 e 2011 foi deputado provincial e no mandato 2007-2011 exerceu de vicepresidente da Deputación da Coruña.
FERROL360 – Un problema, unha solución: a cooperativa de Pedroso.
Pablo Villamar – A administración autonómica ten que auditar e vixilar, pois lle corresponde por lei, este tipo de iniciativas tan importantes para a economía galega como as cooperativas e nas que o BNG acredita.
360 – Que proxectos a desenvolver con outras administracións son irrenunciábeis para Narón nos vindeiros catro anos? E que dependan só do goberno local?
PV – Que dependan da colaboración con outras administracións, a construción dun novo centro de saúde acorde á realidade demográfica actual do municipio (comprometido en 2008); a construción dun novo centro de ensino infantil e primario na zona urbana e completar o saneamento da zona rural.
Que dependan máis da administración local, a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, aínda que está condicionado á nova lei do solo que está a elaborar a Xunta de Galiza. Este PXOM ten que incluír necesariamente un plan de mobilidade que faga de Narón unha cidade accesíbel para toda a veciñanza.
360 – Destaque tres iniciativas do programa electoral
PV – O programa electoral do BNG-Asembleas Abertas está pensado para as persoas, ese é o noso enfoque: mellorar a calidade de vida da veciñanza de Narón. Algunhas das medidas encamiñadas cara ao cumprimento desta premisa están mencionadas na pregunta anterior, mais a elas poderiamos engadir a recuperación do mosteiro do Couto e avanzar no camiño da progresividade dos impostos: que cadaquén pague en función dos seus ingresos.
360 – Cales son as súas propostas para impulsar o emprendemento?
PV – O Concello de Narón destaca desde hai tempo na axilidade de tramitación das licenzas de apertura e actividade e nas facilidades que dá para o asentamento de novos proxectos empresariais. Temos que avanzar nesa liña. Para iso, cremos imprescindíbel aplicar bonificacións nas licenzas e tamén nas taxas para animar á creación de empresas e, polo tanto, na xeración de emprego.
360 – Narón acadou os 40.000 habitantes. Que iniciativas propón para continuar na senda do crecemento?
PV – Seguir construíndo o Narón das persoas, é dicir, que quen veña a Narón a vivir ou traballar teña un emprego e reciba uns servizos de calidade.
360 – Que foi o mellor e o peor deste último mandato?
PV – O mellor: Que fomos quen de darlle estabilidade económica ao Concello, unha política que non foi incompatíbel coa atención ás persoas, co mantemento dos servizos sociais, que é o máis importante para nós.
O peor, o boicot por parte das administracións que goberna o Partido Popular en proxectos fundamentais para Narón como o centro de saúde, o colexio ou as escolas infantís. Ese boicot traduciuse en números que están á vista de todas e todos: 0 euros en transferencias correntes ao Concello de Narón.
360 – Séntese satisfeito co traballo realizado?
PV – Eu son unha persoa moi esixente comigo mesmo e, aínda que coido que se fixo un traballo importante nas áreas nas que Teresa Sabio e mais eu xestionamos nestes últimos tres anos e medio, son consciente de que tamén puidemos cometer erros.
360 – Con quen estaría disposto a pactar, con quen non, e por que?
PV – O importante é que temos un Concello gobernábel e paréceme imprescindíbel falar con todo o mundo. Outra cousa é pactar, e o BNG nunca pactaría co Partido Popular porque representa a dereita centralista e rancia e porque é responsábel das políticas antisociais que veñen mermando as capacidades e os dereitos das clases populares.
360 – Por que se presenta como candidato á Alcaldía?
PV – Son o cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas porque así o elixiron as persoas que participaron no proceso de asembleas abertas que principiamos o ano pasado nas parroquias e os barrios de Narón.
Estamos satisfeitos da implicación da xente nesta iniciativa, que permitiu achegar ao proxecto nacionalista a persoas non militantes que, malia iso, decidiron incorporarse a este proxecto integrador non só como membros da candidatura, senón tamén achegando propostas e ideas para a elaboración do programa electoral.
Debate sobre el post