MARTA CORRAL | Ferrol | Sábado 5 decembro 2015 | 13:13
O concelleiro de Participación Cidadá, Álvaro Montes, compareceu este venres diante dos medios para compartir unha primeira valoración da celebración do Foro Cívico Reiniciamos? que xuntou a uns 150 veciños de Ferrol o pasado xoves no teatro Jofre.
Acompañado dunhas das técnicas que levaron a cabo a dinamización da cita, Montes destacou que Ferrol «iniciou unha nova etapa co foro, facendo un esforzo colectivo para poñer riba da mesa propostas e análises».
«Repasamos erros que cometéramos todos no pasado, baseados na inexperiencia do proceso», relatou, engadindo que ábrese agora «un novo capítulo na participación» e adiantando que dende a Concellería están a traballar nunha plataforma dixital na que poder encauzar as propostas cidadás para «dotar á cidadanía de todas as ferramentas posíbeis e que todas as voces poidan ser escoitadas».
Un «templo de reflexión colectiva»
Montes destacou o simbolismo do acto no Jofre, onde os cidadáns estiveron no escenario «sendo os protagonistas, poñendo o foco neles, en avanzar para recuperar a ilusión perdida».
Un extremo que tamén compartiu Olalla López, quen cualificou a experiencia do Jofre coma «un templo de reflexión colectiva, de intelixencia colectiva», parabenizándose polo «éxito de convocatoria» do Foro, un «fito» no que «todas as voces foron recollidas».
«Nós preguntabamos si reiniciábamos ou non e a resposta foi clara: si, reiniciamos», explicou a técnica, a quen agora quédalle por diante o traballo de interpretación dos datos obtidos, cuxas conclusións farán públicas nun informe e nun plenario que terá lugar en xaneiro.
Do que si puideron dar conta foi das avaliacións dos asistentes, moi positivas en xeral segundo López, nas que os cidadáns destacaron a metodoloxía elixida porque «deulles a oportunidade de atoparse, de traballar en grupo», pero tamén a necesidade de «enganchar á xente máis nova».
Debate sobre el post