FERROL360 | Luns 2 xaneiro 2017 | 17:21
Dentro da terceira edición das Xornadas Solidarias Mari Carmen Caballero, os equipos de fútbol sala Cidade de Narón e O Parrulo Ferrol xogarán este sábado un partido solidario. Será no pavillón polideportivo da Gándara, a partires das 18:00 horas.
As persoas interesadas en asistir poderán recoller a súa entrada, unha hora antes do inicio do partido, doando un mínimo dun quilo ou un litro de alimentos non perecedoiros, que se entregarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.
A cita deportiva e solidaria presentouse este venres no Concello de Narón coa participación do edís de Deportes e Acción Social, Román Romero e Catalina García, o presidente do Cidade de Narón, Ramón Padín, e a filla de Mari Carmen Caballero, Alba Lage Caballero.
Romero lembrou que o Concello de Narón colabora nesta iniciativa solidaria un ano máis e agradeceu a implicación do Centro de Recursos Solidarios e tamén do Parrulo Ferrol neste evento organizado polo Cidade de Narón FS.
Na mesma liña se pronunciou a edil de Acción Social que animou á veciñanza a participar nestas xornadas e incidiu en que preferentemente se doe aceite de xirasol, cacao, galletas e alimentos en conserva –vexetais, carne, atún, etc.-.
«Pretendemos instaurar este evento deportivo como un dos fixos nestas datas de Nadal na cidade, e sobre todo adicalo a Mari Carmen Caballero, unha muller que foi solidaria toda a súa vida, non só no fútbol sala e no atletismo, senón tamén en calquera outra actividade na que se lle pediu que colaborase», salientou Ramón Padín.
O presidente do Cidade de Narón asegurou que «o feito de que se trate de fútbol sala é a escusa para axudar ás persoas que o precisan, neste caso aos usuarios e usuarias do Centro de Recursos Solidarios de Narón, que está facendo un excelente traballo». Cabe lembra que o pasado ano doáronse uns 1.200 quilos de alimentos nestas xornadas, que tamén se destinaron ao CRS.
Pola súa banda, en representación da familia de Mari Carmen Caballero, a súa filla, Alba Lage Caballero, deu as grazas á organización e aos colaboradores neste evento «por lembrarse da miña nai e colaborar nesta causa solidaria, axudando a quen máis o precisa, aportando un quilo de alimentos, que para moitos non supón nada e para outros un mundo».
Debate sobre el post