Publicidad

Peques e maiores comparten xogos en Cabanas

FERROL360 | Xoves 31 maio 2018 | 9:41

O Punto de Atención á Infancia das Viñas, en Cabanas, recibiu esta semana unha visita moi especial. Veciños e veciñas maiores de 60 anos compartiron tempo de xogo cos peques para ensinarlles os pasatempos tradicionais.

O Concello de Cabanas, a través da Concellería de Servizos Sociais, organizou este encontro interxeneracional entre os participantes dos obradoiros de Envellecemento Activo e as nenas e nenos matriculados no Punto de Atención á Infancia das Viñas.

A iniciativa incluiuse no programa municipal Escola de Avós e, sen dúbida, convertiuse nun espazo enriquecedor de intercambio de experiencias entre nenos e maiores. En concreto, a sesión centrouse nos xogos e, especialmente, nos xogos tradicionais que acompañaron a infancia e adolescencia dos agora maiores.

Un xeito, ó mesmo tempo, de contribuír á conservación dos mesmos a través das novas xeracións.