REBECA COLLADO | Ferrol | Mércores 12 marzo 2014 | 13:58
As mostras Puntos de pintura e Gravados da Colección de Arte Concello de Ferrol abren a nova tempada de exposicións do Centro Torrente Ballester. A cita será este venres ás 19:00 horas e, ademais da inauguración, terá lugar a presentación dunha obra mural do artista ferrolán Ricardo Segura Torrella. A obra foi doada ao Concello por Miguel Loureiro Rico e permanecerá exposta de xeito permanente no Torrente.
Puntos de pintura é un proxecto editorial e expositivo que busca «reforzar a importancia da pintura de formato pequeno», xa que ás veces é catalogada como bosquexo, explicou a comisaria da mostra Sara Donoso. A montaxe está feita de tal xeito que se pode ver como «pequenas exposicións individuais».
E é que se trata dunha exposición colectiva na que participan importantes artistas internacionais como Daniela Krtsch ou Fernando Velázquez, españois como Nacho Martín Silva, Vítor Mejuto e Teo Soriano e galegos como Arantza Pardo e as ferrolás María Ledo Olcoz ou Sofía Piñeiro.
A artista ferrolá Sofía Piñeiro sinalou que as súas obras son «óleos, mesturas de debuxo con acrílico», nas que resalta a cor. Son pequenos lenzos de diferentes tempos, pero «todas teñen unha linguaxe común e teñen un punto de humor».
En canto á mostra Gravados da Colección de Arte Concello de Ferrol, Donoso apunto que é «un proxecto en retrospectiva adicado ó importante legado que atesoura o Concello». Así, explicou que unha das máis importantes achegas realizadas á colección é a feita polos traballos dos artistas gañadores do Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos.
Rafael Baixeras, Berta Cáccamo, Xavier Correa Corredoira, Juan de la Colina, Manuel Facal, Anxel Huete, Menchu Lamas, Luis Seoane, Xurxo Oro Claro, Cruz Pérez Rubido ou Manuel Quintana Martelo son algúns dos nomes que constrúen este paseo polo legado dos artistas galegos máis contemporáneos.
Debate sobre el post