FERROL360 | Sábado 9 maio 2015 | 19:06
A praza do Conde, os xardíns de Lombardero e o Porto acollerán as actividades programadas para a VII Xornada «Deporte e Igualdade», que terá lugar este domingo en Pontedeume. O horario será de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas, e a intención é que ao longo de todo o día nenas e nenos poidan gozar practicando distintos deportes en igualdade.
A actividade responde á necesidade de traballar dende todas as áreas municipais para tratar de acadar a igualdade de xénero, sendo a transversalidade de xénero un dos principios básicos que inspiran o Plan de Igualdade Municipal.
O deporte segue a ser un espazo onde a discriminación por razón de xénero aínda está moi presente e arraigada, polo que é necesario dedicar polo menos unha xornada de sensibilización dirixida á comunidade eumesa que favoreza a promoción e, ao mesmo tempo, axude á desaparición de actitudes sexistas, fomentando a convivencia e percepción da igualdade entre as mulleres e os homes na práctica das actividades deportivas.
Dende o Concello, como Administración máis próxima á cidadanía, poténciase o valor do deporte como estratexia de educación en valores e factor de integración social, para axudar a xerar un espazo de ruptura cos estereotipos sexistas que limitan a participación feminina en calquera das súas áreas.
