Publicidad

Pontedeume quere abrir os orzamentos aos veciños, que decidirán o destino dunha partida

FERROL360 | Luns 2 novembro 2015 | 15:40

O goberno local de Pontedeume comeza o proceso de elaboración dos orzamentos de 2016 de xeito participativo. Nunha xuntanza coas Asociacións de Veciños das diferentes parroquias, estas elixiron o sistema de participación da veciñanza para estes orzamentos, que consistirá nun sorteo público para decidir cal das parroquias terá decisión sobre unha partida de inversións.

O obxectivo é que sexan os propios veciños os que decidan en que se invisten os cartos do Concello. O alcalde anunciou a súa intención de celebrar cada ano un sorteo similar, e a parroquia elixida este ano no poderá participar no vindeiro sorteo.

Bernardo Fernández lembra que o Concello traballa dende o 2009 cos mesmos orzamentos. Unha situación que fai que o Concello teña unhas contas «irreais» con «partidas infladas ou desfasadas que poñen en risco a estabilidade económica municipal».

O rexedor avanza que «por primera vez desde hai seis anos haberá orzamentos e serán, ao contrario que no pasado, tratados co resto de grupos municipais». Así, nestes momentos se está a elaborar a proposta orzamentaria para tratar coa oposición e o goberno local deseña as principais liñas estratéxicas nas que se sustentará a política de investimentos para o vindeiro ano.