FERROL360 | Mércores 6 xuño 2018 | 10:10
Todo listo en Neda para celebrar esta fin de semana a terceira edición da súa Feira no Camiño. Unha proposta cun programa cheo de actividades de ocio para todas as idades cun total de 23 postos de venda de artesanía, mostra de oficios, obradoiros infantís e degustacións gastronómicas.
O casco histórico será a referencia para tomar contacto cunha celebración que tanto o sábado como o domingo abrirá ao público de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 22.00 horas, aproximadamente. As actividades infantís, que se impartirán en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, consistirán en talleres de coiro, lá e feltro, cestería, pan, fondue de chocolate e froitas. Non fai falla apuntarse.
A gastronomía correrá a cargo do foodtruck Kilómetro Fuego e da taberna O Forno, a base de polbo e churrasco. Ademais destas posibilidades de ocio, a programación complétase con actuacións musicais pola mañá e pola tarde.
O sábado, ás 11.00 horas actuará o Cuarteto de Trasancos de Neda; ás 13.00 horas haberá teatro con O Bululú nos Camiños de Santiago; ás 18.00 horas música tradicional e baile galego pola Asociación Álvaro Cunqueiro de Lago e ás 21.00 horas concerto de Boj Folk irlandés e escocés
Xa o domingo ás 13.15 horas concerto da Banda do Garaxe da Asociación Cultural Sementeira de Narón; ás 18.00 horas Zanfonhas de Narón e ás 20.00 horas música na rúa con Cabe García e Fausto Escrigas.
Certame de Pintura Rápida
Durante toda a fin de semana ademais permenecerá aberta ao público a exposición de fin de curso da Asociación Brosladeiras na Casa das Palmeiras. O sábado tamén haberá unha visita guiada polo casco histórico, que dará comezo ás 11.00 e para a que hai que apuntarse na Casa da Cultura; e o domingo celébrase a primeira edición do Certame de Pintura Rápida ao aire libre Concello de Neda.
Con respecto a esta última convocatoria cabe recordar que se trata dunha actividade de estilo e temática libres que consiste capturar a paisaxe, as xentes ou os costumes da localidade nunha obra pictórica a realizar in situ e a executar nunha área delimitada pola organización.
As persoas interesadas pódense inscribir enviando un correo electrónico á dirección cultura@neda.es, ou mesmo o propio día do certame, entre as nove e as once da mañá, na Casa das Palmeiras, situada no número 47 da avenida Alxeciras.
A organización establece un total de tres premios e unha categoría especial para incentivar a participación da poboación local. Os participantes de Neda deberán acreditar a súa vinculación co municipio mediante xustificante do padrón ou documento de pago de calquera tipo de imposto ou taxa. A contía dos premios oscila entre os 200 e os 1.000 euros. Os gañadores tamén recibirán diplomas.
Cada participante deberá achegar o seu propio material -incluído o cabalete-, realizar a obra sobre un soporte ríxido e axustar o tamaño da mesma ás medidas establecidas pola organización, que van dos 50×50 centímetros que pode ter a máis pequena ata os 100 x81 da máis grande. Os concursantes disporán dun total de seis horas para realizar unha obra de estilo e técnica libre.
Debate sobre el post