FERROL360 | Luns 3 novembro 2014 | 14:11
A asociación agroecolóxica A Cortiña vai dando seus primeiros pasos logo da súa creación hai poucos meses en San Sadurniño. Coa primeira asemblea quedou configurada a xunta directiva e establecéronse liñas de traballo nesta entidade de ámbito comarcal.
Á xuntanza acudiron produtores da comarca e persoas interesadas en comezar a producir de xeito ecolóxico. De feito, un dos obxectivos da asociación é ofrecer asesoramento no tratamento dos problemas puntuais propios da actividade agroecolóxica e tamén ofrecer formación dirixida a profesionais xa con experiencia e a emprendedores no sector.
Coa creación dunha páxina web da asociación confían en ter máis visibilidade e que sirva de punto de encontro virtual no que poñer en común ideas e debater previamente os contidos das futuras asembleas.
Declaración de intencións
A entidade ten varios puntos nos que quere traballar. Un deles é «estruturar unha produción axeitada á demanda comarcal de alimentos de alta calidade e conseguidos con prácticas sustentables» e seren un punto de partida para unha futura comercialización estable e «adaptada aos ciclos naturais». Por iso, planificarán primeiramente as producións para atender ao mercado de proximidade.
Outro dos puntos que se tratou na asemblea é comezar a recuperar variedades do país, creando un banco de xermoplasma a partir do que se poidan obter plantas para ser cultivadas nas explotacións da zona.
Agárdase, ademais, que tamén entren a formar parte da asociación experiencias gandeiras, como poden ser a crianza de aves, o ovino ou o vacún para leite e carne.
