MARTA CORRAL| Ferrol | Miércoles 4 febrero 2015 | 12:29
A Plataforma cidadá Queremos Galego!, formada por persoas a título individual e máis de 600 colectivos, convoca para o vindeiro domingo día 8 de febreiro en Compostela unha «masiva» manifestación en prol da lingua, baixo o lema Polas fillas dos nosos fillos.
A iniciativa presentábase este martes na galería Sargadelos de Ferrol co apoio de representantes de ADEGA, a CIG, a asociación cultural Medulio, Esquerda Unida e o BNG, e, segundo a plataforma, servirá de «demostración de forza» e contará con «persoas galegofalantes ou non, persoas vellas ou novas e persoas de tódolos signos políticos».
O portavoz comarcal da plataforma, Carlos Outeiro, afirmou que o PP, no canto de promover a lingua coma nexo de unión dun «pobo con perfil propio», está a asentar a cultura «castelá que ocultan tras o nome de España».
Neste senso sinalou ao Partido Popular coma o principal culpable dos datos da última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre a situación do galego que deixan patente o descenso de galegofalantes. Uns datos que «non nos sorprenden».
Tal e como salientan no manifesto da convocatoria: «A realidade é que a Xunta de Galiza demostra un total desleixo e desprezo pola lingua. A realidade é que é imposíbel vivirmos en galego con normalidade. O maior descenso de falantes do galego coincide co lustro máis agresivo e lesivo para a normalización da nosa lingua».
Con todo, queren amosarlle á Xunta que «o pobo está detrás do seu idioma e non olla cara outro lado» e animan á cidadanía a sumarse á mobilización deste domingo en Compostela.
Será ás 12:00 horas na Alameda e percorrerá as rúas da cidade para rematar, como é xa tradición, na praza da Quintana. Haberá buses cara Compostela que percorrerán a comarca e terán un prezo simbólico de 3 euros. Para máis información hai dúas liñas telefónicas dispoñibles: 981 358 750 e 663 075 074.
