FOTO & TEXTO: ALICIA SEOANE | Xoves 19 de setembro do 2024 | 12:10
Quique Peón ten un deses rostros dos homes do afastado oeste dos filmes antigos, tras a súa mirada de home perigoso, atopámonos cun home visionario, con vontade de ferro que naceu por e para a danza tradicional galega, que dende que ten uso de razón non fixo outra cousa que loitar por conservar todo o Patrimonio Inmaterial que temos, danzas, cancións, vestiario…
Atopámonos en Pontedeume, ao carón do Torreón dos Andrade, falamos longo e tendido, dende os seus inicios ata a súa colaboración dende o 2020 co Padroado da Cultura en Narón, unha institución que viu a necesidade de dar pulo á arte tradicional, e que promove con escolas municipais un labor, que segue a ser moi necesaria e tamén moi demandada por moitas persoas.
F360. _ Cóntame como foron os teus primeiros pasos neste mundo do baile galego
QUIQUE PEÓN. _ Aos catro anos comecei bailando no cole. Creo que por iso me parece tan importante que siga a ensinarse baile galego nos colexios, porque é unha descuberta para moitos cativos. Pero a verdade é que non sei o que me enganchou deste mundo, non teño nin idea nin sabería decir o que é (quédase pensando), o caso e que os catorce anos entrei en Xacarandaina e os 18 xa estaba dirixindo este grupo.
Eu estiven bailando sempre. Os meus primeiros profesores ensináronme o repertorio de Coros e danzas un grupo de baile tradicional da Coruña. Cando comecei a dirixir Xacarandaina montamos o primeiro grupo de pandeireteiras, onde tamén estaba a miña irmá Mercedes.
As pandeiretas sempre foron o centro da música tradicional, o tema da gaita era cousa máis puntual, eran as mulleres as que movían todo. Arranxaban o espazo do baile, coidaban as pandeiretas, creaban a atmosfera…
F360. _ En que momento comezas a facer as recolleitas de bailes por toda Galicia?
Q.P. _ Como o repertorio era o mesmo que aprendiamos no grupo no que estabamos Coros e Danzas , eu sentía que tiñamos que facer algo. Nese momento unha moza do grupo que era de preto de Melide, comentou que coñecía a unha muller da zona que sabía bailar e coñecía ben os puntos. Así comezou toda a parte etnográfica, e xa flipei …
Aínda me lembro do nome daquela muller, María de Loureiro. O que tiñan as recolleitas é que aprendiamos moitas cousas como os nomes que lle dan a cada cousa, que son moi diferentes dun lugar a outro.
A primeira vez iamos en coche de liña, ao chegar a muller tiña que meter toda a leña nun ghalpón, como a axudamos, ela quedou contenta e despois contounos de todo, entregouse moito. Foi unha primeira achega moi doada.
A verdade é que nas vilas se bailaba que era unha cousa impresionante, os primeiros días non pillabas nada, e pensabamos como imos facer, non tiñamos cámaras ni nada, iamos anotando todo nun papel. Porque eran cousas moi complicadas, se non anotabas non te lembrabas de memoria de cada punto.
F360. _ Como faciades para romper o xeo e que a xente vos abrise as portas das súas casas?
Q.P. _ O tema das recolleitas, ten o seu aquel, porque a xente é tímida, están os complexos de cada persoa, e bailar é algo íntimo, aínda que poda parecer que non. Pecháronnos moitas portas, pero iamos aprendendo, eu dixenme «o que hai que facer e levar viño, e cousas de comer e beber».
Faciamos pequenas festiñas, coa empanada e co viño, e xa ía xurdindo, houbo sitios que chegabamos e xa estaban esperándonos. Unha cousa moi importante de Galicia e que non o hai noutros sitios, é que hai unha coreografía de grupo. Galicia ten unha riqueza tal que en 5 quilómetros xa cambia todo, é como a fala, que cambia moito. Teño recompiladas unhas 600 danzas.
F360. _ Atopaches moitas diferenzas dun sitio a outro?
Q.P. _ Por exemplo do norte ao sur no folclore nótase moitísimo, o sur é máis alegre, e o norte é máis escuro, a danza e como unha representación da paisaxe. A verdade é que Galiza é unha pasada, a xente non sabe o que temos. Agora xa foron morrendo moitos informantes, pero o que rexistramos do seu saber facer, xa quedará aí.
Outra cousa importante foi que nós intentamos plasmar nos grupos, ser o máis fieis posibles á tradición, os movementos son moitísimos que, si te flipas podes facer un ballet, pero naquel momento, non era momento de facelo.
Era momento de reconstruír e gardar. E estaba moita xente recuperando as danzas, no só en Galicia, tamén en España. Nós participamos nun concurso que se chamába «Gente joven» de TVE, que era un concurso de variedades dos domingos de mañá. Gañámolo a nivel nacional, porque xa iamos co noso traballo de reconstrución etnográfica feito dende aquí, e moita xente abriu os ollos, e houbo coma unha revolución a nivel folclórico en toda a Península.
F360. _ Estiveches en contacto con grupos doutras partes de España?
Q.P. _ Houbo momentos que estivemos en contacto tamén con outros grupos de fóra, non somos tan diferentes uns de outros, compartimos moitas cousas. A España húmida ten unas características xerais, diferentes ao sur. Nós con Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra, temos moito en común en moitos sentidos comida, paisaxe… Porque ao final o folclore forma parte da xeografía.
E o Tradicional é anónimo, o noso é un folclore moi particular, temos ademais, coreografías grupais. Aínda que non sexamos tan diferentes. O folclore ten emoción. Conéctanos con algo que leva traspasándose dende moitas xeracións. O Noso folclore é de conxunto, é grupal.
Outra cousa interesante da danza tradicional, é que a xente bailaba porque era unha forma de coñecerse, de ligar, era a forma de relacionarse, porque a xente bailaba tres veces por semana. E bailaban e facían cada cousa que era flipante.
F360. _ Continúas a facer as recolleitas?
Q.P. _ Eu continuo coas recolleitas, pero xa é máis desilusionante, agora a xente foi morrendo. O importante é que neste momento somos moita persoas en activo traballando en toda Galicia. Mira, en Narón por exemplo, hai 600 persoas anotadas, e en Xacarandaina estamos 1000 persoas, isto é unha pasada.
Por exemplo este ano as Pandeireteiras van ser declaradas como patrimonio oral da literatura galega, neste sentido, os coros históricos como Toxos e Froles levan con isto cento e pico anos, de reivindicación, fan moito traballo.
F360. _ Fuches unha persoa moi visionaria, viches o que se tiña que facer moito antes de que fose popularizado…
Q.P. _ Home! E que o folclore de Galicia o temos que explotar, eu dende o principio traceime un plan artístico para facer una posta en valor do noso patrimonio, por iso empezamos polas recolleitas, a recuperación das pandeireteiras… Pensemos que nós temos unha danza coa que estamos en contacto con toda as músicas do arco atlántico que colle Portugal, Irlanda a Bretaña francesa, pero tamén o norte de África.
Vouche contar un detalle dunha gravación bérber que eu tiña, e que se parecen moitísimo os cantos destas mulleres bérberes aos nosos. Hai un ritmo que é a Muiñeira Vella empuñada, que é un ritmo que compartimos cos bérberes. Si escoitas unha e outra non atopas moita diferenza.
F360. _ Falando de Muiñeira Vella, esta danza comentaches que é a máis vella de Europa?
Q.P. _ A Muiñeira Vella o Ribeirana, tamén foi outra das que recuperamos, e ao contrario do que pensa a xente de que as cousas máis antigas quedan nas montañas, é máis ben o contrario, pois na costa non hai saída tes de fronte o mar, e quedou todo conservado. Este baile que era un baile de divertimento, un pouco cerimonial tamén, é o máis antigo non só de Galicia se non de toda Europa.
O home e a muller na danza tiñan papeis diferentes, a muller preparaba todo o espazo e coidaba de que todo estivese preparado, o home era o que sacaba o punto, e a muller dalgún xeito permitíalle esta especie de honra, porque era ela quen lle daba o permiso ao home, e ademais como as saias eran longas e non se vían os pés, todo isto facía a súa función. Non podemos pensar na danza tradicional desde os mesmos postulados ou valores que entendemos as cousas agora, porque eran outras sociedades.
O interesante é que todo isto se conserva, e se non o coidamos e un patrimonio fráxil. O patrimonio inmaterial temos que protexelo, porque se non pode correr o risco de que o perdamos.
F360. _ Tiveches tamén a túa propia Compañía de danza, onde si misturaches o tradicional con outros estilos como o contemporáneo ou flamenco…
Q.P. _ Si, coa mía compañía provei a misturar a danza tradicional con outras cousas, eu teño un amigo de Turín, co que traballei no Centro Coreográfico Galego, que me animou a facer algo máis misturado, porque eu son moi talibán do tradicional.
Nese momento fixen a miña compañía, e viaxei con ela, montei espectáculos, que puiden levalos fóra, lémbrome cando levei unha peza a Xordania, onde tiñamos censura, que iso xa era outra cousa.
F360. _ Como foi esa experiencia?
Q.P. _ O primeiro que fixen era «Ovay» un só de danza, no que collín de referencia os catro puntos cardinais que tiñan de referencia os celtas. Tamén fixen outras pezas baseadas na historia de Galicia, máis concretamente da Revolta dos Irmandiños, que por certo comezou en Pontedeume. Teño claro que pola nosa historia temos que votar peito do que somos.
Con «Amizade» levei un premio do Conseratorio Nacional de Madrid, esta peza trataba sobre a amizade, relataba esa relacións profundas que tes cos teus amigos de toda a vida, e como os amigos van crecendo xuntos.
F360. _ Fálame da colaboración que inicias co Pazo da Cultura no 2020
Q.P. _ En Alxibeira O grupo de Baile Tradicional do Pazo da Cultura, estamos unhas 40 persoas. Na escola están anotadas unhas 600 persoas. É moi importante este labor de difusión que se fai dende Narón.
Este grupo que viaxa, e que está facendo un traballo de crear o seu propio repertorio tradicional. Neste grupo por exemplo fixemos unha viaxe a Arxentina, a Bos Aires, onde fixemos promoción da cultura tradiconal galega no exterior. Estiveron en tres teatros da capital. Alí hai moita afección á danza tradicional galega e moito vínculo coa nosa cultura, son os galegos migrantes que tamén mantiveron o noso vivo doutro lado. Temos a nosa cultura espaiada por todo o mundo.
Este grupo fai un traballo de recuperación de bailes, traxes, cancións que xa ten un certo nivel, e que están a facer moi bo traballo. Sobre todo, de divulgación.
F360. _ Que fixeches nese espectáculo de Bos Aires?
Q.P. _ Para Arxentina no espectáculo recuperamos uns audios, e ademais a idea era traballar eses estereotipos que teñen do galego como un pouco nós temos o estereotipo dos chistes do Lepe. Neses audios había descricións sobre o que é Galiza, da cultura dos castros, da migración, textos de Rosalía, e terminaba dicindo «non sabemos o que nos deparará o futuro, pero o que si é verdade e que imos pelexar por iso», esta frase que por certo é miña, definía un pouco o noso desexo como cultura.
F360. _Como te sentes cando ves todo o que está a acontecer no panorama cultural galego na actualidade?
Q.P. _ Cando miro atrás eu síntome moi orgulloso do feito, temos que pensar que por pouco chegan unhas pandeireteiras a Eurovisión, é dicir, o mundo tradicional estase popularizando, a xente aprendeu a bailar, e volve bailar. Todo isto é porque todos como conxunto no mundo tradicional nos trazamos unha estratexia como país, como colectivo, para poder recuperar e manter todo este patrimonio. Eu síntome moi orgulloso do traballo feito entre todos. Síntome moi feliz con isto.
F360. _ Cales son os teus plans de cara ao futuro na danza tradicional galega?
Q.P. _ Agora nos meus plans sigue a meta de marcarme o recoñecemento da danza como Ben de Interese Cultural e a muiñeira como Patrimonio da Humanidade, esta é a folla de ruta que temos que levar dende o tradicional, para deixar protexido este patrimonio, que ademais, é máis fráxil por non ser tanxible.
Temos que facer un Instituto de Arte Inmaterial de Galicia. O meu motor a miña visión cultural do país, foi protexer isto. Eu quedarei tranquilo cando academos estes obxectivos.
Temos que protexer o noso patrimonio inmaterial, facer un arquivo, gardar as gravacións, para que os musicólogos e os etnólogos poidan vir a estudar a nosa cultura. Pensemos que tanto o baile como a música están consideradas as primeiras das Belas Artes, por iso temos que protexelas. Isto cae polo seu propio peso.
Tamén temos que conseguir que a muiñeira sexa declarado Patrimonio da Humanidade, a ver que galego de ben non quere isto? Somos 40.000 persoas dentro do folclórico que vimos facendo un voluntariado cultural, para dar a coñecer todo isto. Este traballo temos que recoñecelo. Os artistas galegos que están a espairr a nosa cultura veñen todos do tradicional. Temos que darlle a importancia que ten!
Debate sobre el post