FERROL360 | Martes 4 xuño 2019 | 17:36
O pasado domingo 2 de xuño un total de 14 artistas tomaron parte na segunda edición do Certame de Pintura Rápida ó aire libre de Neda, que deixou moi bo sabor de boca entre os afeccionados, os convocantes e tres nomes propios. O primeiro premio foi para Rafael Carrascal García de Toledo, o segundo para Manuel Carballeira Rivas de Valdoviño e Julio Gómez Mena do País Vasco quedou de terceiro.
O xurado valorou a obra da ribeira do río San Nicolás cun primeiro posto. O río Belelle ao seu paso por Santa María foi elexido por Manuel Carballeira sendo protagonista no concurso cun segundo posto. Finalmente, o terceiro premio tamén tivo como actor principal a auga coa representación dunha embarcación tradicional.
O xurado estivo integrado por Manuel Patinha, Pedro Taboada, Javier Garaizábal, Begoña Balsa e Cristina Bouza Bellón, concelleira en funcións de Cultura. Precisamente, a concelleira destacou a calidade das obras e o éxito da convocatoria polo gran interese que o certame está a despertar na xente, «que desfrutou moitísimo».
A organización repartiu un total de 1.800 euros en premios en metálico entre os gañadores que tamén recibiron os diplomas correspondentes. O premio local, que ten como obxectivo incentivar a participación dos veciños e veciñas de Neda, volveu quedar deserto.
Feira no Camiño
O concurso de pintura coincidiu coa celebración da segunda xornada da Feira no Camiño, unha iniciativa do Concello para poñer en valor e darlle visibilidade a artesanía e oficios tradicionais e mesmo para dinamizar o Camiño Inglés que percorre Neda.
Así, un total de 33 postos de artesanía galega, 9 de oficios tradicionais e 6 obradoiros infantís deron vida a un encontro que tivo como epicentro a rúa Real e que reuniu unha morea de xente, que acudiu animada polo bo tempo e ás actividades dunha mostra que este ano chegaba a súa cuarta edición.
Debate sobre el post