Publicidad

Receitas salgadas e doces, no concurso da Feira do Queixo de Moeche

Algunhas das receitas do concurso dunha edición pasada da Feira (foto: Concello de Moeche)
Algunhas das receitas do concurso dunha edición pasada da Feira (foto: Concello de Moeche)

FERROL360 | Venres 16 marzo 2018 | 18:05

No marco da III Feira do Queixo do Concello de Moeche, convócase o concurso de receitas con queixo. O certamen acolle dúas modalidades: receitas salgadas e receitas doces, todas elas cun denominador común, o queixo como base do prato.

Poderán participar todas as persoas afeccionadas á cociña que o desexen, sexan residentes ou non en Moeche. Todos os pratos presentados terán como ingrediente principal o queixo , en calquera modalidade, pode ser fresco, cremoso, semicurado, curado, etc.

Iso si, non se considerará como modalidade o requeixo e tampouco poderán optar a concurso as receitas publicadas ou premiadas noutros concursos. Os pratos deberán presentarse en prato ou bandexa aptos para o efecto e nas condicións hixiénicas apropiadas.

Cada prato irá acompañado dos datos da persoa que o presenta (nome, apelidos e teléfono), o nome do prato e a receita completa (ingredientes, modo de preparación, presentación, etc.) e a categoría na que participa (salgado ou doce), dentro dun sobre en branco e pechado.

A persoa que presenta o prato indicará no momento de entregalo en que categoría participa. A cada prato adxudicaráselle un número no mesmo momento da súa recollida, o mesmo que levará o sobre que o acompañe e que se lle dará á persoa que o presenta.

Os pratos presentaranse rematados o domingo 18 de marzo antes das 11.30 horas, na nave do Mercado, no recinto feiral de San Ramón. Para participar só hai que inscribirte no Concello, ben chamando ao 981404006 ou ben no enderezo: correo@moeche.gal.