FERROL360 | Mércores 29 xuño 2016 | 9:05
Catro nenas e un neno de Chernóbil pasarán os meses de verán en Narón con familias de acollida. É o segundo ano que estes pequenos visitan o municipio da man da ONG Ledicia Cativa, entidade encargada de xestionar a estancia dos cativos en varios municipios galegos.
Este martes o alcalde de Narón, José Manuel Blanco, a concelleira de Acción Social, Catalina García, e representantes dos grupos da corporación local asistiron á recepción que o Concello programou para dar a benvida aos rapaces. Tamén estiveron presentes as familias de acollida e a presidenta da ONG Ledicia Cativa, Montse Tuimil.
Blanco e García salientaron a colaboración das familias nesta iniciativa, indispensable, subliñaron, para poder manter este programa de colaboración coa citada asociación. Os menores recibiron uns agasallos e tamén se entregou ás familias un vale por importe de 60 euros para canxear por material nunha libraría da localidade.
«É unha gran satisfacción como alcalde poder participar neste tipo de iniciativas, vendo o resultado práctico deste tipo de programas que se desenvolven coa colaboración da administración pública e das familias», incidiu o alcalde.
Evgeny Chernyzhevskiy, Margarita Shupikova, Ekaterina Chalykh, Sofia Snytko e Anastasia Atroshenko, de entre 8 e 13 anos, chegaron o pasado 23 de xuño a Narón e permanecerán na localidade ata o 25 de agosto cun total de catro familias.
A convocatoria concíbese como un programa de acollida temporal en proceso recuperativo de saúde de menores rusos afectados pola radiación de Chernóbil e procendentes de zonas de desastres ecolóxicos da Federación Rusa.
Narón participa nesta convocatoria por terceiro ano consecutivo.
Debate sobre el post