Publicidad

Rueda confirma en Ferrol a terceira convocatoria do programa ‘O Teu Xacobeo’

FERROL360 | Sábado 5 febreiro 2022 | 12:38

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, estivo este venres no colexio Cristo Rey, en Ferrol, anunciando que o Goberno galego prevé publicar a finais deste mes a terceira convocatoria do programa O Teu Xacobeo, que contará cun investimento de 1,5 millóns de euros.

Ao igual que as dúas edicións anteriores, asegura a Xunta, a iniciativa contribuirá a impulsar en toda a comunidade proxectos relacionados co Ano Santo e, ao mesmo tempo, potenciar a marca de Galicia como destino seguro e de calidade.

Financiaranse proxectos socioculturais que complementen a programación do Xacobeo neste 2022 implicando á cidadanía na súa celebración con propostas culturais e creativas que axuden a poñer en valor o Camiño de Santiago desde unha perspectiva multidisciplinar que abrangue áreas como a arte, o audiovisual ou a gastronomía.

Na súa visita ao centro ferrolán, Rueda destacou que a convocatoria busca reeditar o éxito das días edicións anteriores. Apoiáronse entón 572 proxectos en 200 concellos galegos que supuxeron un investimento da Xunta de 8 millóns de euros e permitiron mobilizar case 15 millóns de euros en ámbitos como o turismo, a cultura, o deporte ou a acción social, entre outros.

Entre eles, os cinco presentados pola Federación de ANPAS de Ferrol e Comarca Concepción Arenal, que foi beneficiaria nas dúas convocatorias publicadas ata agora e recibiu máis de 97.100 euros. A través de varias edicións do Festival do Camiño Inglés e Xacobeo 21-22, a organización conseguiu involucrar a 9.500 alumnos de 39 centros escolares das comarcas de Ferrolterra, Eume, Ortegal e As Mariñas a través dunha gran lona co xogo da oca desta ruta xacobea, no que cada oca leva un dos instrumentos do Pórtico da Gloria.