FERROL360 | Domingo 17 maio 2015 | 12:48
FERROL
PP
Os populares tiveron unha intensa xornada este sábado, con repartos informativos en Catabois e Doniños, e reunións cos veciños do Ensanche, Ultramar e Doniños.
Ademais, o candidato á Alcaldía, José Manuel Rey Varela, anunciou a posta en marcha dun Plan de Investimentos plurianual para o vindeiro cuadrienio enmarcado no seu programa Ferrol2020, para mellorar accesibilidade nas instalacións deportivas e renovar o equipamento, como no pavillón de A Malata.
Transformará o campo de herba anexo ao estadio nun de céspede artificial e impulsará a creación da Cidade do Deporte no Bertón. Tamén aposta pola posta en marcha de campañas de promoción do deporte para o fomento de hábitos de vida saudable.
A axenda popular para este domingo pasa por dous repartos informativos na feira de Ferrol ás 12:00 horas e no Parque Raíña Sofía ás 18:00 horas. E encontros cos veciños de Covas ás 20:00 horas e de Pazos ás 21:00 horas.
Ferrol en Común
A coalición de esquerdas tamén tivo unha xornada moi intensa este sábado. Ás 11:30 horas facían declaracións ante os medios no Xardín da Ranita para facer propostas en materia de espazos verdes, como seu proxecto de recuperar o peirao carboeiro para oficios artesáns ligados ao mar e zonas abertas e amplas de xogos con carril bici que entronque co paseo da Malata.
Tamén avogan por recuperar o campo de fútbol de San Xoán «que é propiedade do Frob, o banco malo», e habilitar e sinalizar convenientemente unha ruta dos faros entre as praias do litoral desde cabo Prioriño ata Valdoviño, ademais de roteiros por Esmelle, Menáncaro ou o souto de A Graña.
Despois estiveron nun mitin en Serantes e de reparto informativo en Caranza. Xa pola tarde, ás 19:00 horas, o deputado de IU Alberto Garzón estivo nun mitin no Centro Cívico de Caranza apoiando a candidatura.
Este domingo FeC estará facendo reparto no mercado local e acudirá ao acto pola lingua de Queremos Galego en Canido.
PSOE
A presidenta do Partido Socialista, Micaela Navarro, e a candidata á Alcaldía de Ferrol, Beatriz Sestayo, compartiron un almorzo este sábado con veciños e veciñas de Caranza, no que estiveron acompañadas da secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, Pilar Cancela, e dos membros da candidatura socialista.
A candidata socialista entregou aos cidadáns as súas propostas para o barrio de Caranza: reforma do mercado para rehabilitalo e dotalo de servizos públicos, limpeza e mantemento das praias e paseo, xestión e soterramento do tendido eléctrico que discorre por riba da praia, conversión da Avenida das Pías nun bulevar de circulación lenta que una Caranza co Bertón, reforma do Anfiteatro da Unidade Veciñal II, as Vivendas Rosas, e creación dun contedor cultural e xuvenil.
Este domingo Sestayo estará ás 10:30 horas repartindo o seu programa en San Mariña, ás 11:30 horas dará unha rolda de prensa na Praza Vella de Ferrol Vello, ás 17:30 horas asistira ao acto de celebración do Día das Letras Galegas en Marmancón, e ás 19:00 e ás 21:00 horas, ten dous mitins en Mandiá e San Felipe.
BNG-Asembleas Abertas
O candidato nacionalista, Iván Rivas, visitou este sábado Covas e Esmelle para amosar o seu propósito de impulsar escolas unitarias no rural.
Lamentou estado de «abandono» ao que se someteu o edificio do antigo CEIP Tomas Serantes de Covas onde se defendeu que este tipo de centros educativos poderán ser utilizada tamén para servizo da parroquia como lugar de convivencia e comunicación entre a veciñanza.
Pola tarde estiveron na Cabana, para defender a recuperación do dique mariño e comprometerse a tramitar a declaración desta infraestrutura como Ben de Interese Cultural, co fin de evitar que o aceso ferroviario ao porto exterior de Ferrol cruce a enseada da Malata.
Despois, en Brión, Rivas defendeu transformar a propiedade dos montes do Cha en terreos en mancomuna, devolvéndolle a propiedade destes terreos aos seu lexítimos donos os veciños e veciñas de Brión e Doniños e facilitar a súa xestión desde a comunidade de propietarios.
Este domingo estará na manifestación de Queremos Galego en Canido e ás 19:00 horas na Praza Vella de Ferrol.
Marea Ártabra
A chalana da Marea chegou este sábado a Caranza para explicar propostas en materia de educación, mercado e comercio local, levando a cabo unha remodelación do mercado de Caranza e impulsando plans para garantir unha oferta permanente de produtos autóctonos e estudar se o edificio do mercado ofrece a posibilidade de incluír oferta cultural e social.
Pola tarde estiveron na praza do Himno Galego explicando a proposta do Parque Urbano no Sánchez Aguilera, a rehabilitación de Esteiro Vello e zonas verdes e de aparcamento.
Este domingo estarán facendo reparto informativo na feira de Ferrol, ás 12:00horas no acto de Queremos Galego en Canido, ás 13:30 horas pola Ruta do Pincho de Covas e ás 18:00 horas nun encontro veciñal en Santa Mariña.
Ciudadanos
A formación de Albert Rivera potenciará o Camiño Inglés como vertebrador turístico en cultural de Ferrol, creando albergues e asociándose con outros concellos da comarca polos que discorre.
Este domingo estarán no Inferniño ás 12:00 horas xunto coa candidatura naronesa e despois farán o propio na praza da Gándara. Pola tarde, farán reparto en varios puntos da cidade.
UPyD
O partido de Rosa Díez repartiu información na Madalena e en Esteiro, para despois presentar a súa candidata, María Consóelo Amado Move, ás 18:00 horas na súa sede.
A candidata desgranou as principais liñas do programa como a fusión de municipios ou a transparencia. Estivo acompañada da coordinadores de UPyD Galicia, Ana María Alonso, e dos candidatos da Coruña e Vigo, Carlos Oliva e José Luis Correa.
NARÓN
PSOE
A candidata socialista á Alcaldía naronesa, Catalina García, participou este sábado pola mañá nun porta a porta no barrio de Piñeiros e pola tarde xogou cos máis pequenos nunha actividade lúdica de Xogos do Mundo, organizada pola candidatura socialista no parque do Río Freixeiro.
Entre as propostas do PSdeG-PSOE para a área de infancia e nenez, García destacou que negociarán o traspaso da xestión das escolas infantís á rede Galiña Azul da Xunta de Galicia «de xeito que os cartos que destinamos agora mesmo a esas escolas se podan investir nos almorzos escolares, para que non quede ningún neno e ningunha nena sen almorzar» e ampliarán a rede de ludotecas municipal.
Este domingo, ás 11:30 horas, Catalina García e demais membros da candidatura xogarán ao voleibol e brilé, entre outros, con todos aqueles que se acheguen á pista verde de Santa Icía.
Eliximos Narón
A formación estivo este sábado en Pedroso, Castro e Santa Rita, facendo mitins; e, este domingo, estarán en Sedes ás 11:30 horas, San Mateo ás 17:30 horas e Freixeiro ás 20:00 horas.
BNG-Asembleas Abertas
O candidato do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas á Alcaldía de Narón, Pablo Villamar, asegurou este sábado que o mosteiro do Couto «é un símbolo da nosa identidade como Concello, como comarca e como nación», polo que se comprometeu a principiar as negociacións entre o Concello de Narón e o resto das administración non só para conseguir a cesión de uso do cenobio –hoxe propiedade da Igrexa católica- senón tamén dos cartos necesarios para a súa rehabilitación.
O candidato do BNG-Asembleas Abertas participou tamén nun mitin no Val pola tarde e este domingo estará no acto de Queremos Galego en Ferrol, no local social de San Xosé Obreiro ás 13:00 horas e ás 21:00 horas no de Xuvia.
PP
Os populares celebraron un xantar-mitin con veciños, amigos e simpatizantes do partido, que contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, acompañando ao candidato popular, Miguel de Santiago.
Este domingo estarán no local de Virxe do Mar ás 13:00 horas, no Couto ás 17:30 horas e en Doso ás 19:00 horas.
Terra Galega
O candidato de Terra Galega en Narón, José Manuel Blanco, recordou este sábado a importancia que sempre tivo na política local para o partido o gasto social e incidiu en que esta área continuará sendo prioritaria. Blanco asegurou que o Concello de Narón é o cuarto de Galicia que máis fondos destina a gasto social, concretamente 151 euros por habitante, fronte aos 45,32 que asegura o PP naronés.
O equipo de Terra Galega Narón desprazouse ata o Alto do Castiñeiro, onde tivo lugar un dos actos de campaña do partido. Os candidatos Mercedes Taibo e Pablo Mauriz repasaron algunhas das intervencións que TEGA levou a cabo na parroquia durante o último mandato e o secretario xeral do partido, Guillermo Sánchez Fojo, defendeu o traballo realizado polo cuadripartito naronés e apostou polo mantemento das liñas políticas do partido.
Na súa intervención, o candidato de Terra Galega, José Manuel Blanco, fixo especial fincapé no atraso que acumula a construción do novo centro de saúde: «O goberno local realizou o seu traballo e así o recoñeceu publicamente o Servizo Galego de Saúde ao asegurar que os nosos compromisos estaban cumpridos desde abril de 2013, por iso agora o PP non fala deste tema ou faino mentindo», asegurou.
Ciudadanos
Comezan os mitins exprés da formación laranxa. Este domingo ás 13:25 horas na Gándara.
Ademais, fixeron balance do que vai de campaña, onde repartiron entre Ferrol en Narón uns 20.000 programas.
Esquerda Unida
Estarán este domingo no acto de Queremos Galego en Canido.
FENE
BNG
Os nacionalistas denuncian que o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, enviou unha carta con 30 faltas de ortografía: «Con este nivel os populares non aproban nin primeiro da ESO», destacan.
«No BNG tomámonos moi en serio a corrección no uso do noso idioma e nos parece unha auténtica tomadura de pelo remitir unha carta nestas condicións. Resulta tan patético como o «caloret» de Rita Barberá» rematan.
ORTIGUEIRA
PP
O candidato popular, Rafael Girón, estará este domingo en Santiago de Mera (bar A Ponte) ás 12:00 horas, en Polvorín (Freires) ás 18:00 horas, e no centro social de Senra ás 21:15 horas.
CERDIDO
PSOE
Os Socialistas de Cerdido iniciaron esta fin de semana o reparto porta a porta de 1.200 boletíns entre a veciñanza das tres parroquias do Concello de Cerdido. Nel explican o programa e as súas prioridades para «sacar a Cerdido do estancamento e gobernar para tódolos veciños e veciñas, escoitando e respostando ás súas demandas».
Actos do BNG na comarca
-10.30 horas, acto no adro da igrexa de Lubre, en Ares. Falará o candidato, Emilio Mesías.
-12.00 horas. Acto na Liga de Amigos de Barallobre (Fene). Falarán os candidatos Pepa López Pico, Justo M. Ardá e Juventino Trigo
-13.00 horas. Acto na Casilla do Puntal (Neda). Falará a candidata Helena Pardo.
-19.30 horas. Acto en Casa Pena (Moeche). Falarán a deputada no Congreso Rosana Pérez e os candidatos Xurxo Brañas e Beatriz Bascoy.
Debate sobre el post