FERROL360 | Mércores 14 outubro 2015 | 12:37
O Concello de Narón dispón xa dun novo campo de adestramento e fútbol 7 en terreos municipais da parroquia de San Mateo. O campo ocupa unha superficie de 1.800 metros cadrados e nesa mesma explanada poderá adestrar o equipo superior.
A obra de acondicionamento de parcela para convertila nun campo de fútbol contou cun orzamento de 35.634 euros, dos que o Grupo de Desenvolvemento Rural «Costa Noroeste» aportou 9.916 e o Concello sufragou os 25.717 euros restantes.
O proxecto incluíu o peche da parcela cunha malla galvanizada e a construción dun pequeno muro de contención para acotar a zona. A obra completouse coa plantación de árbores no perímetro do recinto.
O edil de Deportes, Román Romero, destacou a aposta do goberno naronés por completar a rede de instalacións deportivas na localidade, «unha liña de traballo que seguiremos mantendo nesta área nos vindeiros anos».
Este novo espazo deportivo complementará aos xa existentes noutras zonas do núcleo urbano e rural do municipio e poderán utilizalo os equipos da localidade, incluídas as categorías inferiores.
O Concello de Narón ten previsto construír nos vindeiros meses pistas multideporte en Xuvia, na Finca de Arzúa e na zona da Gándara. Os custes destas tres novas instalacións proxectadas polo goberno local ascenden a uns 150.000 euros.