Publicidad

San Sadurniño abre o prazo para inscribirse no VII Tetramaratón

FERROL360 | Martes 15 marzo 2016 | 13:00

O Concello de San Sadurniño vén de abrir o prazo para inscribirse no VII Tetramaratón, que se celebrará o vindeiro xoves 24 de marzo no pavillón municipal e nas pistas do colexio. Poderán participar os maiores de 15 anos, que deberán crear equipos nas modalidades de voleiball, fútbol sala, baloncesto e hóckei.

Os encontros comezarán ás 9:30 horas e desenvolveranse ata primeiras horas da tarde. Os equipos poderán ser mixtos e deberán ter un mínimo de cinco xogadores ou xogadoras e un máximo de seis. O regulamento xeral indica que os 4 partidos clasificatorios se xogarán seguidos contra o mesmo rival e que os puntos conseguidos polas compoñentes femininas -que deberán xogar todos os encontros- valerán o triple.

No volei 5×5 disputaranse dous sets a 7 puntos -punto directo con cambio de saque- con cinco deportistas no campo por equipo. No caso do fútbol sala só haberá un tempo de 10 minutos sen parar o crono e os penaltis que poida haber lanzaranse desde o medio do campo sen ninguén na porteiría. Para o baloncesto de tres contra tres tamén haberá un único tempo de 10 minutos a reloxo corrido, todas as canastras valerán dous puntos e non existirá o campo atrás. Por último, no hóckei o tempo tamén correrá sen pausa durante 10 minutos e, por cada equipo, só poderá haber 4 xogadores ou xogadoras no campo.

Cada partido gañado serán dous puntos, o empate un punto e o partido perdido cero puntos. Os catro equipos que acaden unha maior puntuación xogarán as semifinais. En caso de empates contabilizarase a diferenza de tantos a favor e en contra de todos os partidos disputados.

Haberá premios para o primeiro e segundo clasificados. O equipo gañador recibirá un cheque de 50 euros por deportista para mercar material deportivo, mentres que os subcampións levarán cadanseu talón por valor de 25 euros, tamén canxeable por material en Deportes Sanesteban.

A participación é gratuíta pero será obrigatorio realizar a inscrición antes do venres día 18 a través dunha folla -dispoñible na páxina web do Concello– que deberá entregarse na Casa da Cultura en horario de 9:30 a 14:00 horas.

O VII Tetramaratón de San Sadurniño está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes e Ensino coa colaboración loxística do C.V. Aldebarán e o Clube de Fútbol San Sadurniño, ademais da achega económica xestionada pola Deputación da Coruña.