FERROL360 | Xoves 31 outubro 2013 | 13:12
Coa chegada do mes de novembro, inmersos no outono, o lume quenta e acompaña á degustación de castañas nos tradicionais magostos. Coincidindo coa ponte festiva desta fin de semana, San Sadurniño afonda nesta tradición e programa dúas festas, en Naraío e Igrexafeita, que terán como complemento perfecto outras tantas representacións teatrais.
No caso de Naraío, Fran Rei fará posible A historia de Brancaflor, unha función dirixida ao público infantil e da que poderán gozar os máis pequenos dende as 18:30 horas. Pero haberá máis propostas. Así, ás 17:00 horas, os nenos poderán participar nun concurso de caveiras organizado pola asociación veciñal O Castelo.
Coas súas creacións farán posible unha procesión pola parroquia, que dará comezo ás 19:30 horas xunto a gaiteiros da escola de música tradicional. De igual xeito, castañas, papas e sopa de melón estarán a disposición dos máis lambóns. O menú complétase con queimada e repichoca animada polos alumnos de gaita e pandereteiras.
En Igrexafeita, o grupo Bucanero escenificará De película, a partires das dez da noite. A asociación Adiante terá no local social da Torre o seu centro de operacións, cunha xuntanza na que haberá castañas, como non podía ser doutra maneira. Nos dous núcleos rurais cóntase coa colaboración do Concello, que pretende achegar ás parroquias a súa programación cultural.
