FERROL360 | Mércores 13 agosto 2014 | 16:45
O Concello de San Sadurniño mantén as previsións de abrir a súa escola infantil para o vindeiro curso escolar 20014-2015. As obras de acondicionamento do recinto xa remataron, así que agora quedan por completar tres pasos máis: equipar a escola, obter a autorización da Xunta para abrila e adxudicar a xestión do centro. Aspectos nos que o goberno local xa está a traballar.
Así, o Concello prevé investir arredor de 10.000 euros en mobiliario: cadeiras, mesas e outros enseres que se mercarán dentro duns días. No tocante aos permisos, agárdase unha resposta favorable por parte da Consellería de Traballo e Benestar, que xa validou o proxecto, e á que lle compete agora revisar que todo estea correcto para autorizar a apertura.
Ademais, o goberno local traballa nun borrador que recolle as condicións que deberá asumir a empresa adxudicataria da xestión do centro. As bases fixarán os prezos máximos que poderá cobrar polo servizo, os criterios de calidade para a súa prestación, o proxecto educativo que deberá desenvolver e a aceptación de mecanismos de coordinación e supervisión por parte do departamento municipal de Igualdade.
O recinto ten unha superficie útil próxima aos 200 metros cadrados divididos en tres grandes aulas -unha para os bebés de 0 a 1 ano, outra para os cativiños de 1 a 2 e unha terceira para os nenos e nenas de 2 a 3 anos- e con espazos de servizo e para o profesorado. Tamén dispón dun patio exterior de xogos duns 250 metros cadrados comunicado coa zona de aprendizaxe e lindeiro cos xardíns municipais. A escola terá capacidade para 40 nenos.
O servizo atenderá a demanda de San Sadurniño, pero tamén a de zonas limítrofes. Segundo información do Concello, a metade dos nenos usuarias serían do municipio, mentres que outro 21 % empregaríano cativos provenientes de Moeche, un 15 % de Narón e mesmo habería familias de Ferrol e As Somozas que botarían man da escola infantil de San Sadurniño.

















Debate sobre el post