
FERROL360 | Xoves 8 agosto 2013 | 17:42
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, formalizaron este xoves o convenio de colaboración co que se achegan 110.000 euros para equipar o interior do Pazo da Marquesa. Este acordo, aprobado en pleno provincial o pasado mes de xuño, supón aportar o 80% dun orzamento que ascende a 137.500 euros.
Dita cantidade será destinada á adquisición de mobiliario de oficina, instalación de biombos de seguridade ou colocación de liñas de datos nas diferentes dependencias. Asimesmo, instalarase no futuro salón de plenos o sistema de conferencias cunha unidade central e doce micrófonos. Tamén se está a proxectar o acondicionamento con zonas verdes, pavimento de pedra e farois na entrada principal do inmoble.
Logo de asinar o pacto, o presidente provincial e algúns dos membros da corporación local visitaron o pazo que podería estar totalmente acondicionado a finais deste mesmo ano. Será o lugar ao que se trasladen as dependencias municipais. Segundo indicou o rexedor, «a mediados do ano que vén poderiamos estar xa ubicados neste edificio».
Para Calvo, o pazo é «un edificio simbólico de San Sadurniño que había que recuperar, que vai perdurar ao longo dos anos e que. co tempo, se porá aínda máis en valor». O que tamén destacou foi a importancia da “colaboración e os diálogos” entre as distintas administracións.
Debate sobre el post