Publicidad

San Sadurniño exporá a súa experiencia en Igualdade no encontro da Rede de Mulleres Autarcas en Mozambique

FERROL360 | Sábado 24 setembro 2016 | 18:01

Da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a concelleira de Igualdade de San Sadurniño, Ana Belén Bereijo, participará a vindeira semana en Monzambique nun encontro da Rede de Mulleres Autarcas, integrada por edís e alcaldesas do país lusófono.

O encontro servirá para intercambiar experiencias co obxectivo de impulsar a participación das mulleres na política local e as políticas municipais a prol da igualdade. Bereijo falará sobre o traballo que se desenvolve na súa área en colaboración co colexio público e tamén das experiencias para promover unha participación feminina plena en todos os ámbitos.

As concelleiras de Igualdade de Lugo, Moaña e San Sadurniño, e mais a edil de Cultura do Concello de Verín exporán as dificultades que se atopan as políticas e as ferramentas para superalas, así como o papel das mulleres como axentes de cambio no poder local ou o traballo municipal en xénero.

As edís resultaron seleccionadas no proceso aberto polo Fondo para sumarse á iniciativa, que tamén as levará a visitar o proxecto a prol da saúde infantil e materna que a Fundaçao Encontro vén de concluír na provincia de Maputo co apoio do Fondo Galego.

A delegación, acompañada por persoal técnico da entidade, achegarase tamén ao municipio de Mandlakazi da man da súa alcaldesa e presidenta da Rede de Mulleres Autarcas de Mozambique, María Helena Correia. A alcaldesa entrevistouse con anterioridade coa Comisión Executiva e con distintas rexedoras galegas, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Mulleres.