Publicidad

San Sadurniño instala caixas de suxestións para mellorar os servizos municipais

FERROL360 | Martes 21 outubro 2014 | 20:54

Enmarcado no II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, o Concello de San Sadurniño cumpre o seu compromiso de recoller información sobre o grao de satisfacción dos usuarios dos servizos municipais coa colocación de caixas de suxestións nas dependencias municipais e a distribución de enquisas de satisfacción anónimas.

Desde o departamento de Participación Veciñal destácase a importancia de achegar propostas e de cubrir as enquisas. A opinión dos usuarios é importante para mellorar os servizos e programas municipais e, sobre todo, a atención que lle presta o Concello á cidadanía.

As enquisas poden enviarse ao enderezo concellodesansadurnino@gmail.com, mentres que as suxestións poden mandarse a correo@sansadurnino.dicoruna.es ou presentarse a través da sede electrónica ou metelas nalgunha das caixas.

Están ubicadas na sala de exposicións da Casa da Cultura, na recepción do ximnasio municipal e nun dos laterais da oficina do Rexistro, na casa consistorial. Canda elas hai a disposición do público modelos de enquisa e suxestión.

As enquisas son anónimas e contan con varios ítems para avaliar tanto servizos como actividades e programas desenvolvidos polo Concello. A folla de suxestións pode ir asinada ou non e con ela búscanse ideas concretas para mellorar o funcionamento dos distintos departamentos.

As caixas están ubicadas en distintas estancias municipais (foto: Concello de San Sadurniño)
As caixas están ubicadas en distintas estancias municipais (foto: Concello de San Sadurniño)