FERROL360 | Luns 16 xaneiro 2017 | 9:56
O pleno do Concello de San Sadurniño deu luz verde á integración da administración local na cooperativa comercializadora de electricidade Nosa Enerxía. Trátase da primeira organización deste tipo en Galicia e San Sadurniño é o terceiro Concello que se asocia á iniciativa, despois de que o fixesen Rianxo e Ames.
Máis que un aforro en si, o que se persegue é «facer un pequeno xesto» cara a un modelo de comercialización enerxética «distinto ao das grandes multinacionais», tal e como manifestou o goberno local no pleno. A proposta obtivo os votos favorables do BNG e do PSOE mentres que o PP votou en contra.
A participación de San Sadurniño en Nosa Enerxía SCG terá un custe de 200 euros en concepto de achega ao capital social da cooperativa. A partir de aí o Concello poderá contratar con ela a electricidade, aínda que só para subministracións inferiores aos 10kw. É «un paso moi pequeno» que, porén, «promove» a utilización de fontes de enerxía renovables por parte das administracións.
Os socialistas votaron a favor da proposta defendendo que o cooperativismo enerxético é un sistema con ampla difusión noutros países europeos, mentres que o PP criticou que non significará un aforro destacable e votou en contra.
O pleno tamén serviu para aprobar a prórroga do orzamento de 2016, informar sobre a próxima publicación do listado definitivo de persoas que participan no procedemento de selección dunha praza eventual de persoal administrativo e a proposta de renumeración do índice de ordenanzas e regulamentos municipais, que tamén se publicará nuns días no BOP.
Na sesión acordouse delegar na Deputación a xestión do cobro executivo de taxas e impostos municipais alén dos que xa leva, como é o caso do IVTM, o IBI ou o lixo. Ademais, tamén se aprobou pola vía da urxencia, a modificación do regulamento da Escola Infantil Municipal.
Segundo explicou o equipo de goberno trátase dunha modificación puntual, que atende á necesidade de incorporar ao articulado cuestións do traballo diario e da nova lexislación que se superpón ao regulamento. Cambios, nalgúns casos, suxeridos pola inspección educativa hai tan só uns días que, ademais, foron ratificados pola Comisión de Avaliación e Seguimento do servizo.
Rogos e preguntas
O PSOE solicitou do goberno local que se informase daqueles contratos que suscriba o Concello e que poidan exceder en duración o propio mandato corporativo. A este respecto o goberno indicou que nestes momentos se están preparando os pregos para licitar tres servizos: o da limpeza de edificios, o mantemento de xardíns e o do mantemento informático.
O Partido Popular preguntou os motivos polos que se prorroga o orzamento ao que o alcalde respostou que as contas locais non se poderían levar a pleno mentres que a Xunta e o Estado non aproben os seus orzamentos porque teñen trascendencia para a localidades.
Os populares tamén se interesaron sobre os usos que se lle está dando á nave de FEVE cedida ao Concello e sobre quen tería responsabilidade en actividades municipais que, segundo os populares, se estarían desenvolvendo en terreos da cooperativa.
Á primeira cuestión o alcalde apuntou que as instalacións ferroviarias se están empregando como almacén e, con respecto á segunda, Secundino García precisou que eventos como a Feira Rural se desenvolven en terreos de titulariedade municipal.
Debate sobre el post