FERROL360 | Mércores 18 maio 2016 | 17:36
O Concello de San Sadurniño participa esta semana no programa europeo ECMYNN -Enhancing Competences to Meet Young Neet’s Needs- como único representante de España. O proxecto, que se está a celebrar en Grecia, busca mellorar as competencias do persoal técnico e das entidades que traballan en relación coa mocidade que nin estuda nin traballa.
O seu obxectivo inicial é facer unha diagnose das necesidades desta parte da poboación europea, estimada nuns 14 millóns de persoas con idades comprendidas entre os 15 e os 29 anos, para definir a partir delas métodos de traballo e acompañamento que lles axuden a acceder ao mercado laboral.
Trátase do segundo encontro transnacional de coordinación do proxecto coa participación de organismos de Italia, Polonia, Romanía, Grecia e España. Así, persoal técnico relacionado co proxecto está a por en común os resultados da diagnose da realidade sociolaboral deste colectivo e coñecer experiencias de dinamización da mocidade.
Na primeira xuntanza de coordinación, celebrada en Italia no 2015, marcáronse as liñas de traballo centradas na recopilación de datos estatísticos e na elaboración de documentación que permita definir polo miúdo cal é o perfil e cales son as necesidades concretas do que comunmente se coñece como nini.
San Sadurniño participa neste programa a través dos responsables de Orientación laboral, Desenvolvemento Local e da Aula CeMIT, tamén se avanzarán as liñas mestras dun novo modelo de atención que, unha vez validado na próxima xuntanza transnacional, se porá a proba en cada un dos territorios implicados no ECMYNN.
E é que a finalidade última do proxecto é crear pautas de traballo sistematizadas das que poidan botar man en toda Europa tanto entidades como persoas que teñan entre os seus cometidos o apoio á mocidade na busca de emprego ou na mellora da súa formación.
O ano que vén desenvolverase o encontro de peche do proxecto. A data aínda non se concretou, pero todo apunta a que o lugar podería ser San Sadurniño.
Debate sobre el post