FERROL360 | Luns 4 xaneiro 2016 | 17:25
Bardaos contará ao longo deste ano con dúas novas infraestruturas destinadas a mellorar a seguridade peonil e a do tráfico rodado ao longo do seu principal eixo de comunicación, que conecta a estrada Ferrol-Ortigueira co cruzamento da DP-4905 na Cruz da Raíña.
O proxecto contempla o aglomerado de arredor de 1,5 quilómetros de pista e a construción de 600 metros de beiravías no lugar das Loibas, por un importe estimado de 112.500 euros. Unha contía que se sufragará nun 80 % con fondos xestionados pola Deputación da Coruña mentres que o 20 % restante correrá por conta do Concello.
A idea de aglomerar a estrada que vai desde a conexión coa AC-862 ata a DP-4905 non é nova, de feito, máis da metade deste eixo viario -desde a Cruz da Raíña ata a Bañoca- xa se reparara con este tipo de firme en 2011.
Retraso na VAC
As expectativas existentes naquel momento sobre a construción da Vía de Alta Capacidade da Costa Norte aconsellaron deixar sen amañar o tramo que vai desde a Bañoca até a estrada de Ortigueira, que podería verse afectado polas obras do novo corredor.
Case cinco anos despois, o Concello decidiu retomar a idea inicial e redactou os pregos técnicos para o aglomerado dos preto de 1,5 quilómetros que quedaran pendentes entre a AC-862 e a Bañoca pasando polo lugar da Sanguiñeira.
A obra permitirá que o principal eixo de comunicación de Bardaos -o que vai da estrada de Ortigueira ata a Cruz da Raíña- conte cun firme homoxéneo, máis adherente e con maior durabilidade.
Senda peonil nas Loibas
O Concello tamén incluiu no proxecto unha petición veciñal xurdida nas asembleas dos orzamentos participativos, consistente na construción dunha senda peonil nas Loibas, o principal núcleo de poboación de Bardaos.
Así trazaranse arredor de 600 metros de beiravías de cemento de ata un metro de ancho que discorrerán pola marxe dereita da estrada -sentido Sur a Norte- e por ambos lados nas zonas de maior concentración de vivendas.
O proxecto técnico cifra o prezo de licitación das obras do aglomerado e da senda peonil en 112.500 euros, ive incluído. O importe final sufragarase nun 80% con fondos xestionados pola Deputación da Coruña -que achegará ata un máximo de 90.000 euros-, mentres que a contía restante será asumida con fondos municipais.
Debate sobre el post