FERROL360 | Martes 12 abril 2016 | 20:33
A delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura e a Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume suscribiron un convenio de colaboración co Concello para impulsar estas dúas actividades no municipio. A sinatura supón a renovación dos acordos que se manteñen desde hai varios anos, aínda que neste 2016 varíanse nos dous casos as condicións.
Así, a AGA-Ferrolterra ve incrementada a parte económica ata os 1.500 euros mentres que a achega da AGFA queda fixada en 500. O titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela, rubricou os convenios xunto con Ramiro Martínez por parte da asociación froiteira e Rafael Díaz en representación da entidade apícola.
Os acordos buscan a recuperación das variedades autóctonas de froita que existen na comarca e a preservación da actividade apícola xestionando o apiario didáctico e maila plantación de variedades do país situados no lugar da Cortiña, ao pé do Xubia.
Un traballo que as dúas entidades levan a cabo realizando tarefas de conservación e mellora, pero tamén dinamizando ambos recursos con visitas guiadas e cursos, ademais de colaborar co centro de ensino local.
AGFA do Eume
Neste caso, o convenio establece que a entidade deberá continuar enriquecendo a plantación con novas variedades ou repoñendo os pés que fallen. Tamén se recolle a colaboración da asociación na organización do concurso de froita autóctona da Feira Rural, a encomenda de planificar as visitas ao recinto e a realización dunhas xornadas sobre alimentación saudable dirixidas ao alumnado do CPI .
Este ano, e de aí a rebaixa económica no convenio, AGFA do Eume non se encargará do mantemento da parcela, posto que a sega, a poda e os tratamentos fitosanitarios que sexa preciso aplicar correrán por conta das empresas de xardinería contratadas polo Concello. Iso si, a entidade será quen asesore e quen dirixa estes traballos.
AGA-Ferrolterra
Por outra banda, o convenio coa AGA-Ferrolterra delega nesta asociación o mantemento completo do apiario didáctico situado ao pé da plantación de froiteiras. Así deberán repoñer elementos deteriorados, ofrecerlles ás abellas os coidados que requiran e mesmo contratar un seguro de responsabilidade civil polos danos que puidesen causar.
O acordo tamén inclúe unha parte didáctica, vinculada á realización de dúas visitas guiadas por parte do alumnado do CPI e á celebración dunha exposición apícola na Feira Rural. A asociación deberá, ademais, levar a cabo charlas polas parroquias en relación coa apicultura, principalmente referidas á loita contra a avespa asiática.
Este último aspecto, o da loita contra a velutina, marca a diferenza en relación cos convenios asinados anteriormente con AGA. E é que neste 2016 a asociación comprométese a retirar niños de avespa asiática «naqueles lugares que se determinen entre as partes, e que sexan considerados un perigo para as persoas por mor da proximidade a vivendas ou espazos públicos».
O importe total do convenio coa AGA-Ferrolterra ascende a 1.500 euros e, igual que no suscrito coa AGFA do Eume, satisfarase en dúas veces: o 50% xusto despois de asinar e o outro 50% a finais de novembro, cando se presente a xustificación dos gastos.
Debate sobre el post