Publicidad

San Sadurniño terá que pagar os máis de 30.000 euros do canon de Sogama

FERROL360 | Venres 30 outubro 2015 | 18:09

O Xulgado Contencioso Administrativo Nº1 de Ferrol vén de dar de novo a razón á Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) ao condenar ao concello de San Sadurniño a pagar á empresa os importes íntegros correspondentes ás facturas de maio, xuño e xullo de 2014, que fan un total de 16.691,75 euros, engadindo os intereses de demora e legais.

Esta contía súmase así a dúas resolucións anteriores, que obrigaron ao ente local a pagar a Sogama as facturas de setembro e outubro do pasado ano (16.993,88 euros). Deste xeito, a día de hoxe, o Concello debe facer efectivo o abono de 33.685,63 euros, o que supón asumir o canon único recollido na Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma para 2014.

Os maxistrados aluden de forma reiterada á adhesión «voluntaria» ao sistema de Sogama e recordan que, na Lei de Orzamentos da Xunta de Galicia, contemplábase que o canon fixado sería de aplicación no negocio xurídico xa subscrito por cada entidade local coa compañía, salvo que no prazo de dous meses desde a entrada en vigor da norma os concellos desistiran do mesmo. As entidades locais non desistiron e continuaron utilizando os servizos da empresa pública, pero sen efectuar o pago dos mesmos.

A Xustiza sinala que non pode considerarse que se producira unha vulneración da autonomía local e insiste na «voluntariedade» da adhesión ao modelo de xestión e tratamento de residuos urbanos maioritario en Galicia, polo que apostaron 295 concellos, aglutinando unha poboación atendida próxima aos 2.300.000 habitantes.