Publicidad

Sedes da a benvida ao inverno coa celebración da ‘Noite da Luz’

FERROL360 | Venres 14 decembro 2018 | 9:47

O Padroado da Cultura de Narón e a Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, de Sedes, organizaron un completo programa para celebrar este sábado a Noite da Luz. Unha festa que celebra a chegada do solsticio de inverno, coincidindo cada 13 de decembro coa onomástica de Santa Lucía e tamén co día do ano con menos horas de luz.

Así, na xornada do sábado, os asistentes reuniranse sobre as 18.15 horas nas inmediacións da capela de Santa Lucía, xunto á Feira do Trece, para saír a Comitiva da Luz. Un grupo de xente portará candeas nun percorrido desde a capela ata o cumio do monte Esperón, unha andaina de aproximadamente un quilómetro e medio.

Unha vez no monte Esperón procederase a prender a Roda da Luz, formada por trece fachos de grandes dimensións, doce de catro metros e un de cinco metros de altura, elaborados polas veciñas e veciños da parroquia de Sedes, dispostos en forma de círculo e que representan a cada unha das parroquias de Narón. Os fachos poderanse ver desde diferentes puntos da cidade, ao acenderse no cumio do monte Esperón.

A continuación, a programación seguirá nas instalacións do Centro Cívico Social de Sedes, donde haberá unha Noite de teatro comunitario. Terán lugar dúas representacións teatrais, unha a cargo do Grupo de Teatro comunitario de Sedes, que representará a obra O camiño de Lihuen, e outra protagonizada polo Grupo de teatro da Fundación Terra de Trasancos, do Val, que representará O anel máxico.

Os dous grupos teatrais forman parte dos obradoiros de adultos da Escola de Teatro do Padroado da Cultura de Narón. A celebración rematará coa degustación dun caldo comunitario, elaborado por veciñas e veciños da parroquia de Sedes.