FERROL360 | Mércores 27 abril 2016 | 9:19
O Concello de San Sadurniño acolleu este luns unha xuntanza de representantes dos municipios de Ferrolterra, Eume e Ortegal -ademais de Vilarmaior e Miño- co obxectivo de formular achegas á estratexia coa que a asociación Seitura 22 aspira a xestionar na zona o programa Leader 2014-2020.
Durante o encontro saíron a debate os principais problemas do rural, como o despoboamento ou abandono do sector primario, pero tamén as posibilidades de futuro que ofrece sempre e cando se lle brinde apoio. A este respecto, o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, sinalou que, se ben o Leader «ten uns recursos económicos limitados, debe aproveitarse para que o rural sexa un lugar no que vivir e traballar».
O rexedor precisou que este novo Leader «conta con menos recursos e que con eles hai que atender moito máis territorio», supón algo menos de 4 millóns de euros ata 2020 para proxectos nos 22 concellos. García avogou por destinar recursos «ao labor de dinamización e acompañamento técnico» co obxectivo de que as iniciativas que se poñan en marcha «teñan máis garantías de éxito».
As asembleas de Seitura 22 son abertas e delas infórmase a través do blog da entidade: seitura.blogspot.com.
Debate sobre el post