Publicidad

Semente Trasancos rende homenaxe a Carvalho Calero difundindo o seu primeiro poema en galego

O texto publicouse en 1925 (cedida)

FERROL360 | Sábado 16 maio 2020 | 16:45

Horas antes do Día das Letras Galegas, Semente Trasancos uníase á longa listaxe de colectivos que renden homenaxe ao ferrolán Ricardo Carvalho Calero, o protagonista deste festexo no 2020. A súa aportación, divulgar o seu primeiro poema en galego, «A Galiza», publicado en 1925 na revista «Maruxa».

Nese texto, o ferrolán reflicte as súas características literarias con tan só 15 anos. Agora, recupera poder nunha peza audiovisual baixo a dirección técnica de Bruno Lopes Teixeiro e con Omar Calderón como encargado do recitado. Vítor Santalha e Xosé María Dobarro fixeron posible tamén este proxecto.

Para Semente Trasancos, o poema incide xa na folla de ruta do considerado como pai do reintegracionismo moderno. Por exemplo, coa súa evidente admiración por Rosalía de Castro e «unha nítida consciencia galega», que permiten a súa unión co rico «substrato galeguista de Ferrol, tantas veces ocultado» e defendido por Bello Piñeiro, Comellas ou Quintanilla.