FERROL360 | Sábado 9 decembro 2017 | 11:38
Este sábado o Festival Treme a Terra chega á súa 18ª edición con completo programa de actividades que se extenderá ata o vindeiro domingo 31 de decembro. Palestras, homenaxes e música compoñen o cartaz deste evento, que comeza coas actuacións de Voodoo, Ses, Nao e Rebeliom do Inframundo.Os concertos comezarán ás 21:00 horas na pista polideportiva, fronte á FP, e haberá postos con comida.
A programación continuará este domingo co Minifestival para peques e maiores coa actuación de Cé Orquestra Pantasma. Será ás 17:00 horas na Casa da Cultura. Xa o venres 15 de decembro, tocaralle a quenda á palestra sobre a Guerrilla Antifranquista co historiador Bernardo Maiz, a partires das 20:00 horas na Casa da Cultura.
O sábado 16 celebrarase unha homenaxe ao guerrilleiro Riqueche e ao resto do destacamento Arturo Cortizas, «que a día de hoxe seguen soterrados nunha foxa común no Mosteiro de Monfero», indican desde a organización. Participará neste acto o historiador Manuel Domínguez Ferro. A cita será ás 12:00 horas no Mosteiro de Monfero.
O domingo 17 de decembro haberá un Minifestival co grupo eumés Trebellos. Música e maxia para toda a familia, desde as 17:00 horas na Casa da Cultura. E o domingo 31 de decembro realizarán unha ofrenda floral ao guerrilleiro nado en Pontedeume Francisco Martínez Leira ‘Pancho’. Será ás 12:00 horas no cemiterio de Meá, Mugardos.
Todas as actividades son de balde, «un desafío para todas as que formamos parte do Colectivo Terra, asociación sen ánimo de lucro, na que todo o recadado destínase financiamento das actividades que promovemos», explican.
O Festival Treme a Terra é un evento que volveu con forza en 2015 logo de varios anos sen celebrarse. Desde a organización salienta que é «un chamado a non esquecer ás que loitaron coas armas na man contra a barbarie fascista. Ás persoas que xa no 1936 tiveron que escapar ao monte logo da sublevación militar e mantiveron unha dura resistencia formando co tempo as primeiras estructuras guerrilleiras».
Un festival en forma de homenaxe «ás que perderon a vida na procura da liberdade», salientan desde o Colectivo Terra.
Debate sobre el post