MARCOS ABALDE | ‘Ferrol coas Irmandades da Fala’ | Venres 28 abril 2017 | 14:15
No Simposio das Irmandades celebrado no Museo do Pobo Galego, o investigador Ermida Meilán deu a coñecer os nomes dos 40 irmandiños asasinados polo fascismo. Velaí a lista de vítimas mortais da comarca de Ferrol:
Xaime Quintanilla Martínez, conselleiro primeiro da Irmandade da Fala, médico dos pobres, dramaturgo, presidente de «Toxos e flores» e despois de «Airiños da miña terra», fundador da editora Céltiga, alcalde republicano de Ferrol, presidente da Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto. Fusilado en San Filipe o 17 de agosto de 1936. Tiña 45 anos.
Manuel Morgado González del Valle, administrador da editora Céltiga, concelleiro socialista, director de El Obrero. Fusilado no Cuartel de Artillaría o 14 de agosto de 1936. Tiña 43 anos.
Xoán García Niebla, mestre exemplar, conselleiro segundo da Irmandade da Fala, divulgador dos principios pedagóxicos da Institución Libre de Ensino, principal impulsor das Festas da Árbore. Fusilado en San Filipe o 17 de agosto de 1936. Tiña 60 anos.
Luís Pérez Carballa, coronel médico da Armada, asinante xunto a Quintanilla do Manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo, conferenciante do Ateneo Ferrolán, membro da loxa masónica Breogán. Fusilado na Punta do Martelo o 15 de marzo de 1937. Tiña 55 anos.
Arturo Noguerol Buxán, fundador da revista Nós, responsábel da área económica da Irmandade Nacionalista Galega, secretario do antigo Concello de Serantes. Asasinado nunha gabia da estrada de Castela o 12 de setembro de 1936. Tiña 44 anos.
Manuel Gómez Suárez, electricista do Arsenal, membro de “Airiños da miña terra”, de “Toxos e froles” e despois de “Ecos da Terra”, tenente alcalde de Fene polo Partido Galeguista. Fusilado en San Filipe o 8 de xaneiro de 1937. Tiña 55 anos.
Isaac Forneiro Varandela, empregado do Banco Pastor, recompilador das cantigas populares de Cedeira. Fusilado en San Filipe o 18 de decembro de 1936. Tiña 39 anos.
Sete mártires da liberdade de entre as 714 persoas asasinadas na nosa comarca, aos que sería preciso sumar milleiros de activistas que sofreron cadea, depuracións, tortura, multas, exilio… Estraña guerra sen campos de batalla e onde o exército sublevado se dedica a exterminar a poboación civil.
En Galiza non houbo guerra. Aquí en 1936 houbo un xenocidio que vai derivar nunha represión salvaxe até 1975. Despois de décadas de impunidade vai sendo hora de esixir verdade, xustiza e reparación. Para cando unha oficina de atención ás vítimas do franquismo como a que xa hai en Pamplona?
*Os roteiros ‘Ferrol coas Irmandades da Fala’ guiados por Marcos Abalde son todos os sábados de abril ás 17:00 horas na praza de Amboage e coa entrada de balde. Inscrición previa no teléfono 698 157 414 ou no enderezo electrónico gnl@ferrol.es.
Debate sobre el post