FERROL360 | Sábado 29 setembro 2018 | 12:14
O Concello de Neda organiza este domingo o programa Teatro en Familia co espectáculo musical Camiños de Magín Blanco. Trátase dunha proosta para o ocio familiar que combina música, teatro e contos. A cita será ás 12:30 horas na Casa da Cultura.
O artista Magín Blanco achegará o mundo da escea á veciñanza cunha obra que é «unha metáfora da vida onde conflúen música, teatro, poesía e contos para estimular e enriquecer a imaxinación e a creatividade das nenas e nenos». Blanco tocará o seu repertorio máis bailable e balsámico.
O prezo das entradas é de dous euros para os adultos e de un euro para os nenos e nenas. Os tickets poden mercarse o mesmo domingo unha hora antes da actuación na billeteira do centro cultural.
A oferta municipal de espectáculos do Concello continua no mes de outubro coa presentación da obra Planeta Ardora, por parte de Trompicallo. A actividade terá lugar o domingo día 7 e trátase dun espectáculo de monicreques que dura ao redor duns 50 minutos.
A programación tamén inclúe a representación da comedia familiar A nena que quería navegar, a cargo da compañía Redrum Teatro. Esta obra, na que se aborda o problema do acoso escolar, vai dirixida a nenos e nenas maiores de seis anos.
O Concello de Neda conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de A Coruña para a celebración desta programación dirixida á familia e a promocionar o teatro.