Publicidad

Teatro, exposicións, mercado local e actividades infantís este domingo na comarca

FERROL360 | Domingo 18 decembro 2016 | 00:00

Domingo repleto de actividades na comarca para contentar a todas as idades e gustos. En Cariño haberá actuación teatral, en Valdoviño presentación do calendario 2017, en Mañón teatro infantil, en San Sadurniño nova edición do mercado local e xornada de deporte feminino solidaria e exposición de cerámica na AVV de Esmelle.

Redrum Teatro, con Ernesto Chao, Mela Casal e Guillermo Carbajo, desembarcará este domingo en Cariño para poñer en escea a obra Noiteboa. Será ás 19:30 horas no Auditorio Municipal. A entrada ten un prezo de 3 euros.

A compañía Teatro dos Ghazafelhos estará este domingo, ás 17:00 horas, no local social do Centro de Interpretación do Río Sor, no concello de Mañón. Dirixido a nenos de 5 anos en diante e ás súas familias, Iriña Bailarina esculca na ruptura de roles convencionais a través dunha bailarina que vive nunha caixa de música e que devece por saír para poder xogar ao futbolín, ser pirata ou mesmo, se quere, poder engordar.

Pola súa banda, a Casa da Cultura de Valdoviño acolle a presentación do Calendario Municipal 2017. O acto terá lugar ás 18:30 horas e a xornada completarase co espectáculo de teatro, maxia, clown e improvisación Falar sen cancelas. O xurado elixiu como imaxe do ano a obra Virxe do Porto.

No local social da AVV Valle de Esmelle podese ver duranteestas datas o Nadal Galego obra do ceramista Francisco Pérez Porto, que recrea escenas típicas da vida no rural galego principalmente. O horario para poder visitalo é de luns a venres de 17:00 a 22:00 horas e sábados e domingos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 23:00 horas.

En San Saduniño teñen preparada unha nova edición do mercado local nos xardíns municipais. Estará aberto de 9:30 a 14:30 horas e participarán 39 postos de produto fresco e elaborado, artesanía e artigos de segunda man.

Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, o pavillón municipal acollerá a Xornada de deporte en feminino organizada polas áreas de Deportes e Igualdade e cunha finalidade solidaria. Haberá exhibicións dos grupos do Club Brío, das persoas que acoden a clases de ioga e a ximnasia de mantemento e un partido que enfrontará ás xuvenís do Aldebarán co Narón volea.

A entrada é gratuíta pero pídeselle ao público asistente que leve alimentos cun longo periodo de caducidade ou de hixiene persoa.